A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade comprobou hoxe en Carballo o funcionamento dos servizos postos en marcha este mes: 23 novas rutas que incrementan paradas e frecuencias, con máis de 160 expedicións semanais

Ethel Vázquez destaca a “revolución da mobilidade” de Bergantiños impulsada polo Plan de transporte público, que levará a tarxeta ‘Xente Nova’ a toda a Costa da Morte

Destaca a boa acollida dos novos servizos nestas primeiras semanas, nas que se abriu ao uso de todos por parte de todos veciños as prazas baleiras de 26 rutas de bus escolar

Incide nas vantaxes da extensión do transporte a demanda, para chegar máis ao rural, con 12 liñas para as parroquias e novas paradas en Aldemunde e Noicela

Apunta que xa están en vigor os novos bonos mensuais de 50 viaxes para usuarios recorrentes, que supoñen unha rebaixa do 30% no prezo do billete

Avanza que os contratos licitados a pasada semana permitirán ampliar os servizos ata a zona de praias, incrementando expedicións no verán, e as conexións con Santiago e A Coruña

Salienta que o Plan de transporte permitirá implantar progresivamente en todo o territorio a gratuidade do autobús para menores de 21 anos da que xa disfrutan 1.000 mozos de Carballo e máis de 55.000 de toda Galicia

Carballo (A Coruña), 28 de xaneiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou a “revolución a mobilidade” da comarca de Bergantiños acadada co Plan de transporte público de Galicia, que permitirá, ademais, estender a toda a Costa da Morte a tarxeta ‘Xente Nova’ que permite viaxar gratis aos menores de 21 anos.
Ethel Vázquez supervisou hoxe en Carballo o funcionamento dos novos servizos de transporte activados o pasado 1 de xaneiro, un total de 23 novas liñas que aumentan paradas e frecuencias e que suman máis de 160 expedicións á semana.
Os novos servizos conectan xa os principais centros de atención e demanda de Bergantiños, especialmente o centro de saúde de Carballo, no que paran todas as liñas dos novos contratos.
En declaracións aos medios, a conselleira destacou a boa acollida que están a rexistrar nestas primeiras semanas os novos servizos da comarca de Bergantiños, que abren ao uso por parte de todos os veciños as prazas baleiras de 26 rutas de transporte de escolares.
Explicou que as vantaxes dos novos contratos do Plan de transporte inclúen tamén o transporte a demanda, para chegar máis ao rural, con 12 liñas para as parroquias e novas paradas en Aldemunde e Noicela.
Ademais, salientou os novos bonos mensuais de 50 viaxes para usuarios recorrentes, que xa están en vigor e que supoñen unha rebaixa do 30% no prezo do billete.
A conselleira informou de que as medidas de fomento do uso do transporte público veranse incrementadas na segunda fase dos contratos do Plan, que se licitaron a pasada semana. A este respecto, sinalou que a Costa da Morte e Bergantiños se beneficiarán , avanzou que está prevista a ampliación dos servizos ata a zona de praias, incrementando expedicións no verán, ademais de ampliarse as conexións con Santiago e A Coruña.
Ethel Vázquez puxo así o acento no ambicioso e completo proceso de renovación do mapa de liñas de autobús interurbanas que supón o novo Plan de transporte público de Galicia, que se espera culminar neste ano 2020.

Tarxeta Xente Nova

A conselleira destacou tamén a importancia de iniciativas como a ampliación da tarxeta Xente Nova, que permite o transporte metropolitano gratuíto aos máis novos e desde o pasado 1 de xaneiro ampliou a súa cobertura ata os 21 anos.
Lembrou que desde que a Xunta puxo en marcha o programa, 55.000 mozos de toda Galicia se teñen beneficiado do transporte gratuíto en bus, uns 8.000 na área da Coruña e preto de 1.000 aquí en Carballo.
O Plan de transporte permitirá implantar progresivamente en todo o territorio a gratuidade do autobús para menores de 21 anos da que xa disfrutan 1.000 mozos de Carballo e máis de 55.000 de toda Galicia.

Ethel Vázquez precisou que o departamento que dirixe seguirá a promover o uso desta tarxeta de xeito progresivo, co obxectivo de chegar a cubrir o 100% das liñas de autobús da Xunta.
Medidas todas elas que, concluíu, amosan a aposta da Xunta no impulso dun novo programa social e familiar para promover un transporte máis eficiente e adecuado á realidade territorial e ás demandas e necesidades dos galegos do século XXI.

Imaxes relacionadas