A conselleira de Política Social mantivo esta mañá un encontro con representantes da entidade

A Xunta inviste 170.000 euros nos programas de inclusión social da entidade viguesa Emaús, o dobre que hai dez anos

Fabiola García destaca o compromiso do Goberno galego coas persoas en situación de especial vulnerabilidade para o que elaborou o primeiro Plan de Atención ás Persoas Sen Fogar

Vigo, 24 de xaneiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, reuniuse esta mañá con representantes de Emaús en Vigo onde puxo en valor o seu labor en favor da inclusión social nesta cidade. Así, detallou que a Xunta de Galicia duplicou durante os últimos dez anos o seu apoio a esta entidade ata os 170.000 euros no ano 2019.

Fabiola García lembrou que o Goberno galego segue a incrementar o seu compromiso coas persoas que peor o están a pasar. Neste sentido, detallou que no último ano aprobouse o decreto da Risga, que permite solicitala a aquelas persoas que non estean en situación de desemprego creando dous novos tramos: o de transición ao emprego e o de inserción. Unha iniciativa que, sinalou, ten como obxectivo que todas as persoas que perciben esta prestación o fagan de maneira temporal e se formen para comezar unha nova etapa da súa vida.

Así mesmo, a conselleira sinalou que a Xunta de Galicia elaborou, da man das entidades sociais e dos concellos, o primeiro Plan de Atención ás Persoas Sen Fogar coa finalidade de impulsar medidas para erradicar o senfogarismo en Galicia. Unha medida para a que a Administración autonómica creará 80 novas prazas en centros de acollida.

Imaxes relacionadas