A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, informou sobre este segundo bloque de contratos que culminan o novo Plan de Transporte Público de Galicia

Ethel Vázquez salienta a licitación hoxe de 29 contratos de autobús interurbano, que inclúen 1.300 liñas que percorrerán 36 millóns de quilómetros ao ano, máis do dobre que en 2015

Vázquez Mourelle indica que estes lotes se corresponden coas provincias da Coruña e Pontevedra e suporán un gasto en 10 anos de máis de 241 M€, que sumado aos que xa están en marcha, ascenderán a 740 M€ achegados pola Xunta

Adianta que se está a traballar para que os novos servizos se comecen a prestar coincidindo co inicio do vindeiro curso escolar, en setembro de 2020

Explica que estes servizos incorporarán o autobús compartido, que permite aproveitar as prazas baleiras do transporte escolar, ou a demanda, ideal para zonas de baixo uso e que permite que o bus só saia cando hai usuarios

Apunta que estes lotes porán en servizo novas liñas e ampliarán frecuencias, garantindo a mellor conexión entre A Coruña e Ferrol, o incremento de liñas á Universidade ou a mellor conexión da área metropolitana cos hospitais

Destaca a extensión da tarxeta de transporte metropolitano, que dá acceso a prezos bonificados nos billetes, máis en familias numerosas ou usuarios recorrentes

Salienta que a tarxeta ‘Xente Nova’ posibilitará que todos os menores de 21 anos viaxen de balde no transporte interurbano

Fai fincapé no selo social do Plan de Transporte Público, que ademais contribúe a unha Galicia máis verde, familiar e moza

A Coruña, 24 de xaneiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, salientou a licitación hoxe de 29 contratos de transporte interurbano, que inclúen 1.300 liñas de autobús que percorrerán 36 millóns de quilómetros cada ano, máis do dobre que no ano 2015.

Vázquez Mourelle informou hoxe sobre este segundo bloque de contratos que culminan o novo Plan de Transporte Público de Galicia. Precisou que estes lotes son os correspondentes principalmente ás provincias da Coruña e Pontevedra.

Concretou que estes contratos suporán un gasto en 10 anos de máis de 241 M€, que sumado aos que xa están en marcha, significarán unha achega da Xunta de 740 M€ para a mellora do transporte interurbano de toda a comunidade.

Adiantou que a Xunta está a traballar co obxectivo de que os novos servizos se comecen a prestar coincidindo co inicio do vindeiro curso escolar, en setembro de 2020.

Explicou que estes servizos incorporarán as novas modalidades de transporte das que xa se ten contrastada a súa eficiencia, é dicir, o autobús compartido, que permite aproveitar as prazas baleiras do transporte escolar, ou a demanda, ideal para zonas de baixo uso e que permite que o bus só saia cando hai usuarios.

Indicou que se porán en servizo novas liñas e se ampliarán frecuencias, posibilitando, entre outras, a mellor conexión entre A Coruña e Ferrol, o incremento de liñas á Universidade ou a mellor conexión da área metropolitana cos hospitais.

Apuntou que estes contratos manterán a filosofía do Plan, estendendo servizos cara o rural e dando solucións máis modernas a tódolos cidadáns. Ademais se blindará a atención aos escolares, facendo prioritario o cumprimento dos seus horarios e dotando de monitores acompañantes tódolos vehículos que leven escolares.

Sinalou que estes lotes permitirán o uso da tarxeta de transporte metropolitano, que dá acceso a prezos bonificados nos billetes, descontos que se incrementan máis no caso de familias numerosas ou usuarios recorrentes.

Tamén puxo en valor o emprego da tarxeta ‘Xente Nova’, que permite que a Xunta bonifique totalmente o prezo do billete de bus interurbano aos máis xóvenes para que viaxen gratis. Recordou que esta iniciativa só se podía empregar ata os 19 anos, pero vénse de ampliar ata os menores de 21 anos.

Puxo como exemplo que un mozo de ata 21 anos da área metropolitana pode ir á Universidade de xeito gratuíto nun dos novos autobuses que o levan ao campus de Elviña ou pode chegar gratis a unha das paradas da cidade, e aí transbordar a un autobús urbano destino a universidade, tamén bonificado pola Xunta.

Fixo fincapé neste Plan Social que é o Plan de Transporte Público de Galicia, pois traballa por unha Galicia máis verde, máis familiar e máis moza.

1ª fase en marcha

Cómpre lembrar que estes contratos licitados hoxe se suman ao 100, que afectaban, sobre todo, ás provincias de Lugo, Ourense, Sur de Pontevedra e noreste da Coruña, que xa funcionan dende xaneiro.

Trátase de de preto de 2.000 liñas que se poñían en marcha ao mesmo tempo, sen incidencias destacables grazas ao traballo de coordinación da Xunta e ao esforzo da empresas.

Ethel Vázquez recordou que aínda hai marxe de mellora, pero as facilidades de xestión que se reservaron nestes contratos facilitan que, agora que os usuarios ven realmente cómo quedan os servizos, haxa marxe para incluír certos axustes.

Imaxes relacionadas