Sanidade está a elaborar o novo Plan galego contra o cancro coa participación de profesionais sanitarios e pacientes

O plan contará, dixo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, coa correspondente dotación económica para levalo a cabo

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2020

A Consellería de Sanidade está a redactar o novo Plan galego contra o cancro coa participación de distintos profesionais sanitarios, e outras institucións e axentes implicados, e contando cos pacientes. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de inauguración do IV Simposio de Biopsia Líquida, coordinado polo doutor Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Tal e como remarcou o conselleiro, está previsto que este Plan galego contra o cancro inclúa unha memoria e dotación económica para levalo a cabo, conseguindo aumentar as curacións, e acadando o obxectivo do 70% proposto pola Asociación Española contra o Cancro.

Almuiña destacou que unha das liñas estratéxicas do Sergas é, sen dúbida, a correcta e rápida atención aos pacientes oncolóxicos e, nestes momentos, hai implantadas en Galicia vías rápidas para a atención dos procesos máis frecuentes como son o de mama, colon, próstata, pulmón, vexiga, cabeza e colo, así como melanoma, das que no 2019 beneficiáronse 17.756 pacientes.

O máximo responsable da sanidade pública galega agradeceu ao Grupo Oncomet o seu labor asistencial e de investigación, agardando que os proxectos de investigación sobre o uso da biopsia líquida no diagnóstico, monitorización e avaliación da resposta ao tratamento, contribúan a mellorar a expectativa e calidade de vida dos pacientes.

Imaxes relacionadas