O titular da Xunta participou no acto de entrega do Premio Diego Bernal 2020, que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia

Feijóo enxalza a capacidade da prensa galega para practicar un xornalismo de proximidade no que o local adquire dimensión global e o global se interpreta seguindo as pautas locais

Sostén que o mundo pódese contemplar desde moitas fiestras, “e unha delas é galega”, di, incidindo en que lles corresponde aos profesionais galegos mantela sempre aberta, porque senón Galicia e o mundo terían unha liberdade máis pobre

Sobre o premido Francisco Campos destaca que nel aúnanse o teórico da comunicación, o docente, o xestor e o periodista e recorda que o seu nome está asociado á CRTVG
 

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe, durante o acto de entrega do Premio Diego Bernal 2020, que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia, a capacidade da prensa galega para practicar un xornalismo de proximidade no que o local adquire dimensión global e o global se interpreta seguindo as pautas locais.

Deste xeito, Feijóo gabou o feito de que o xornalismo galego soubese transformar os vertixinosos cambios no mundo da comunicación, convertendo o que semellaba un perigo, nunha oportunidade, xa que, segundo aseverou, contemplar España, Europa e o mundo enteiro cunha óptica galega non é practicar un xornalismo de segundo nivel ou miope.

“O mundo pódese contemplar desde moitas fiestras, e unha delas é galega”, sentenciou, incidindo en que lles corresponde aos profesionais galegos mantela sempre aberta, porque se nalgún momento se pechara, “non só Galicia, senón tamén o mundo, terían unha liberdade máis pobre”.

No tocante ao premiado Francisco Campos, o titular da Xunta destacou que o galardoado leva moitos anos aplicando a galeguidade ás mutacións que vive a comunicación. “Nel aúnanse o teórico da comunicación, o docente, o xestor e o periodista”, afirmou, recordando que o seu nome está asociado igualmente á Compañía de Radiotelevisión de Galicia.

Neste punto, Feijóo aproveitou a súa intervención para dicir que os medios públicos galegos fixeron posible que un dos malos augurios sobre o impacto do audiovisual en culturas e linguas como a nosa non se cumprira, confirmándose a tese de que os cambios ben aproveitados producen resultados beneficiosos. “A creación da radio e a televisión de Galicia, e os diferentes pasos dados en cada etapa, crearon un baluarte da nosa identidade que hoxe forma parte da nosa paisaxe mediática”, sostivo.

Imaxes relacionadas