O xerente do Consorcio Perfecto Rodríguez compareceu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia

Política Social destaca os avances realizados cara á universalización da educación de 0 a 3 anos en Galicia

No mes de febreiro incorporaranse preto de 300 nenas e nenos ás escolas despois do período extraordinario de matrícula

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2020

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, destacou esta mañá nunha resposta oral na Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, no Parlamento de Galicia, os avances que se levan feito cara á universalización da educación de 0 a 3 anos na Comunidade Autónoma.

Perfecto Rodríguez destacou o esforzo realizado para que a partir do vindeiro 1 de abril as escolas infantís en Galicia sexan gratuítas para o segundo fillo e sucesivos, unha medida pioneira a nivel nacional.

O xerente sinalou que no vindeiro mes de febreiro preto de 300 nenas e nenos se incorporarán ás escolas xestionadas polo Consorcio, froito do período extraordinario de matrícula do mes de decembro. Ademais subliñou que para isto é necesaria a apertura de novas unidades e a ampliación da plantilla de persoal en escolas como A Laracha, Tenorio en Cerdedo-Cotobade, Arzúa, Cedeira, Carril e Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa.

Durante a resposta oral destacou tamén que a rede da Galiña Azul ten incorporado máis de 1000 prazas no que vai de lexislatura ás que haberá que sumar a apertura dunha nova escola en Paderne de Allariz, así como na Guarda, ademais da ampliación da existente en Salvaterra de Miño.

Imaxes relacionadas