A Xunta de Galicia mantén en 2020 a rebaixa do canon para o tratamento dos residuos domésticos en Sogama

O Diario Oficial de Galicia publica a Resolución pola que se establece o importe do canon unitario anual de tratamento por tonelada de lixo no Complexo medio ambiental de Cerceda

Tamén se publica a Resolución que establece por segundo ano a bonificación e que en 2019 se traduciu nun aforro de case 5 millóns de euros para 224 concellos

O importe do canon para a bolsa negra mantense nos 62,93 euros, aplicando a bonificación dun 10%

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, mantén en 2020 a rebaixa do canon para o tratamento dos residuos domésticos no Complexo medio ambiental de Sogama. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que deberá aplicar Sogama para o ano 2020, así como a bonificación aplicable para o dito ano.

Deste xeito, Sogama manterá no vindeiro ano os mesmos termos que en 2019, polo que o importe do canon que rexe para os entes locais establécese en 62,93 euros (máis IVE) por tonelada de bolsa negra , aplicando a bonificación dun 10% e nos 69,83 euros (máis IVE) por tonelada (prezo sen bonificar).

Por outra banda, o canon da planta de compostaxe industrial é de 45,5 euros (máis IVE) por tonelada de materia orgánica entregada nesta instalación. De feito, esta planta entrará en operación en febreiro, tratando o material do quinto contedor dos concellos de Laracha, Carballo e Arteixo, que xa implantaron colector marrón, para a recollida selectiva da materia orgánica a fin de que esta se converta en compost, un abono natural de alta calidade para o solo.

Na actualidade, un total de 295 concellos están adheridos e máis dun 70% (224) se acolleron a esta bonificación, que implica un aforro estimado de case 5 millóns de euros (4,7) para case dous millóns de galegos. Así, as entidades locais que en 2019 se acolleron a esta bonificación deben presentar antes do 28 de febreiro o certificado correspondente para acreditar o cumprimento das condicións para a aplicación da bonificación, que son promover accións orientadas á redución da cantidade de residuos producidos e/ou incremento da reciclaxe de envases lixeiros, e trasladar a rebaixa aos recibos da veciñanza.

Ao mesmo tempo, posibilitarase que os concellos que non solicitasen a bonificación en prazo, ou ben que non desen cumprimento aos condicionantes establecidos, teñan unha nova oportunidade este mesmo ano e se beneficien da mesma.

Cómpre lembrar que o Goberno galego apostou por esta medida no marco dos novos obxectivos europeos e a estratexia de economía circular, cuxa pretensión é que -a través de incentivos ambientais e económicos- os concellos melloren as súas taxas de reciclado e recuperación e, polo tanto, logren reducir a cantidade de residuos que debe ser sometida a tratamento final, co conseguinte aforro de custos.