A Xunta realiza periodicamente simulacros de todos os plans de emerxencia exterior vixentes en Galicia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, respondeu hoxe a unha pregunta parlamentaria sobre o PEE do polígono da Grela-Bens

Sinalou que este plan está actualmente en proceso de revisión e actualización, e que está previsto realizar un novo simulacro este mesmo trimestre

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020

A Xunta realiza periodicamente simulacros de todos os Plans de Emerxencia Exterior (PEE) vixentes en Galicia, ademais de revisalos e actualizalos para garantir a súa operatividade e eficiencia. O obxectivo dun PEE é determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.

Así o explicou hoxe o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre o PEE do polígono da Grela-Bens, que está precisamente nestes momentos en proceso de revisión e prevese que poida ser aprobado no primeiro semestre deste ano, logo de completar o proceso de información ás administracións locais e público en xeral. Adiantou tamén que neste primeiro trimestre está previsto facer un novo simulacro do mesmo.

Villanueva recordou cal é o procedemento fixado no caso improbable de producirse un accidente neste tipo de industrias. Cómpre aclarar, antes de nada, que as empresas afectadas pola normativa en materia de substancias perigosas deben contar cun Plan de Emerxencia Interior (PEI) para facer fronte ás incidencias que se poidan dar dentro da súa planta.

En consecuencia, o PEI é o primeiro plan en activarse en caso de accidente. Se a empresa non puidera facer fronte á situación cos seus propios medios, deberá comunicalo ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112), que valorará o caso e, de ser necesario, activará o Plan de Emerxencia Exterior e mobilizará os grupos operativos previstos no Plan, informará á poboación do accidente e adoptará o resto de medidas necesarias.

Para garantir a coordinación dos medios implicados, realízanse simulacros periodicamente, e para garantir a información á poboación, establécense procedementos de publicidade dos plans de emerxencia, que tamén está dispoñible en internet. Ademais, no caso de activación do PEE, en moitos lugares contan con sereas de aviso á poboación -como no caso da Grela-Bens-, que se complementarán, de ser o caso, coa megafonía móbil das forzas e corpos de seguridade, da policía local e dos servizos profesionais de emerxencias e voluntarios de Protección Civil.