A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co presidente da Federación Galega do Taxi, Manuel Sánchez Quindimil, achegouse hoxe á Coruña para ver ‘in situ’ dous modelos deste tipo de vehículos

Ethel Vázquez destaca que a Xunta destina este ano un investimento de 350.000 euros a incentivos ao sector do taxi para a compra de vehículos adaptados á mobilidade reducida e de cero ou baixas emisións

Vázquez Mourelle concreta que estes incentivos, cuxa convocatoria se publica hoxe no DOG, serán de ata 4.000 € para os taxis de baixas emisións; 6.000 € para vehículos de emisións cero; e 10.000 € para coches adaptados

Explica que o obxectivo da iniciativa é que o sector poida modernizar a súa flota e ser máis competitivo, coa prestación dun servizo con vehículos máis accesibles e menos contaminantes para o medio ambiente

Lembra que a partir de mañá, os taxistas interesados poderán presentar as súas solicitudes e terán de prazo ata o vindeiro 30 de xuño

Recorda que a Xunta investiu 1,6 M€, desde 2016, nestas subvencións que facilitaron a compra de 160 taxis adaptados ás persoas con mobilidade reducida

Fai fincapé en que o Goberno galego segue apostando por iniciativas para conseguir unha Galicia máis verde, máis familiar e tamén máis inclusiva

A Coruña, 22 de xaneiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada polo presidente da Federación Galega do Taxi (Fegataxi), Manuel Sánchez Quindimil, salientou que a Xunta destina este ano un orzamento de 350.000 euros a incentivos ao sector para a compra de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e de baixas ou cero emisións,

Vázquez Mourelle explicou que o obxectivo destes incentivos, recollidos nunha convocatoria publicada hoxe no DOG, é que o sector poida modernizar a súa flota e ser máis competitivo, coa prestación dun servizo de taxi con vehículos máis accesibles e tamén menos contaminantes e prexudiciais para o medio ambiente.

Concretou que as subvencións serán de ata 4.000 €, para os taxis de baixas emisións; 6.000 € no caso de vehículos de emisións cero; e 10.000 € para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.

Indicou que estes incentivos son compatibles entre si, polo que un taxista poderá solicitar a axuda da Xunta para comprar un taxi adaptado e tamén a de vehículo menos contaminante, en caso de que o coche sexa de emisións cero ou baixas emisións.

Lembrou que a partir de mañá, os taxistas interesados poderán presentar as súas solicitudes e teñen de prazo ata o vindeiro 30 de xuño.

Fixo fincapé en que o Goberno galego segue apostando por iniciativas para conseguir unha Galicia máis verde, máis familiar e tamén máis inclusiva.

Recordou que a Xunta leva catro anos consecutivos, desde 2016, poñendo ao servizo do sector do taxi estes incentivos para a adquisición de vehículos adaptados. Precisou que estas subvencións, nas que o Goberno galego leva investido 1,6 M€, xa facilitaron a compra de 160 taxis para o transporte de persoas con mobilidade reducida.

Concluíu que se trata de incrementar a competitividade deste sector do que dependen case 4.000 familias galegas, pero tamén de facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e contribuír ao medio ambiente, fomentando unha mobilidade menos contaminante.

Imaxes relacionadas