O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisaron hoxe as obras deste proxecto estratéxico para Pontevedra

A Xunta destaca que o novo complexo intermodal de Pontevedra, coa mellora urbana da súa contorna, estará operativo e a disposición dos veciños e usuarios a finais deste ano

A reforma do edificio da estación de autobuses xa está en marcha e actuarase na fachada, na cuberta ou nos espazos interiores para acadar unhas instalacións máis accesibles, eficientes e esteticamente melloradas

Tamén están comezando as obras da zona exterior, contempladas nun contrato diferente pero cuxos traballos serán minuciosamente coordinados

O proxecto abrangue a mellora do entorno e a conexión das dúas estacións, a de autobuses e a de ferrocarril, para lograr un único complexo intermodal

Acometeranse unha pasarela peonil cuberta que unirá as dúas terminais e un novo acceso para os autobuses que se construirá cara a rúa Josefina Arruti, permitindo eliminar as dúas ramplas actuais

Estas intervencións aproveitaranse para efectuar unha mellora no entorno do río Gafos, abrindo o seu leito nun treito hoxe soterrado e creando unha nova zona verde na área da estación

Á mellora das infraestruturas cómpre sumar as vantaxes do novo Plan de Transporte Público de Galicia, co que Pontevedra se beneficiará neste ano do autobús interurbano gratis para menores de 21 anos grazas á tarxeta Xente Nova

O Goberno galego continúa a realizar apostas reais e concretas por un transporte de calidade e sostible para construír unha Galicia Verde

Esta actuación forma parte dun amplo compromiso da Xunta con Pontevedra, dunha lexislatura histórica para a cidade que conta cun investimento de máis de 200 millóns

Pontevedra, 21 de xaneiro 2020

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisaron hoxe as obras do novo complexo intermodal de Pontevedra, que xunto coa mellora urbana da súa contorna, estará plenamente operativo e a disposición dos veciños e usuarios a finais deste ano.

Este conxunto conta un investimento de máis de 6 M€, o 75% achegado pola Xunta e o 25% polo Concello, co que se mellorará tanto a terminal de autobuses como todo o seu contorno para conseguir un verdadeiro complexo intermodal integrado na cidade.

As actuacións no edificio da estación de autobuses xa están en marcha. Estes traballos actuarán sobre a fachada, a cuberta, espazos interiores e patio de dársenas para acadar un edificio máis accesible, eficiente e esteticamente mellorado.

Ademais están comezando as obras da zona exterior, contempladas nun contrato diferente pero cuxos traballos serán minuciosamente coordinados.

O proxecto tamén abrangue a mellora do entorno e a conexión das dúas estacións, a de autobuses e a de ferrocarril, para que pasen a ser un único complexo intermodal.

Cómpre destacar a nova pasarela peonil cuberta que unirá as dúas terminais e o novo acceso para os autobuses que se construirá cara a rúa Josefina Arruti permitindo eliminar as dúas ramplas actuais.

Estas actuacións ofrecen grandes posibilidades de recuperación urbana desta zona da cidade porque se aproveitarán estas intervencións para acometer tamén unha mellora no entorno do río Gafos, abrindo o seu leito nun treito hoxe soterrado, e creando unha nova zona verde no entorno da estación.

A estas melloras das infraestruturas hai que sumar as vantaxes do novo Plan de Transporte Público de Galicia, que permitirá que Pontevedra se beneficie neste mesmo ano da gratuidade do transporte interurbano para menores de 21 anos grazas á tarxeta Xente Nova.

O Goberno galego continúa a realizar apostas reais e concretas para un transporte de calidade e sostible para construír unha Galicia Verde.

Esta actuación forma parte dun amplo compromiso da Xunta con Pontevedra, dunha lexislatura histórica para a cidade que conta cun investimento de máis de 200 millóns. Xa está en funcionamento o novo edificio xudicial da Parda e rematada a rehabilitación da Ponte da Barca; en marcha o Gran Montecelo ou a residencia de maiores, entre outras actuacións.

Imaxes relacionadas