A Xunta mellora o equipamento do GES de Padrón coa entrega dun vehículo para a atención ás emerxencias

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal dun camión tipo Bomba Rural Pesada para empregar en todo tipo de intervencións en áreas urbanas e do rural

O Goberno galego destinou nos últimos anos máis de 12 millóns de euros en medios materiais cedidos aos servizos de emerxencias dos concellos galegos para mellorar a calidade de resposta nas súas actuacións

Padrón (A Coruña), 20 de xaneiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe dun novo vehículo co que reforzar o equipamento de emerxencias do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Padrón. Á entrega de hoxe asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo; o delegado territorial da Xunta en A Coruña, Ovidio Rodeiro; e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández.

Alfonso Rueda destacou que este novo vehículo permite actuar con maior mobilidade e garante a eficacia e a seguridade en intervencións como incendios urbanos, forestais ou industriais, así como en accidentes de tráfico con feridos ou en rescates. Trátase dun camión tipo Bomba Rural Pesada (BRP) totalmente equipado para todo tipo de intervencións tanto en áreas urbanas como do rural, coas mesmas características aos que o Goberno galego xa entregou aos GES dos concellos de Mugardos e O Pereiro de Aguiar e nos que investiu preto de 200.000 euros na adquisición de cada vehículo.

O camión entregado ao GES de Padrón conta con tracción integral 4x4, unha cisterna de auga de 3.000 litros e unha bomba centrífuga con presión combinada para o lanzamento de auga tanto en alta como en baixa presión. Ademais, dispón de equipos de radio dixital homologado co que acceder á Rede Corporativa de Comunicacións Móbiles Dixitais de Seguridade e Emerxencias de Galicia.

O vicepresidente da Xunta incidiu no compromiso do Goberno galego coa atención ás emerxencias para dotar aos efectivos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e aos GES dos medios materiais que precisen para levar a cabo o seu traballo nas mellores condicións. Desta forma, coa dotación de equipamento a Xunta contribúe a que o servizo que ofrecen os profesionais de emerxencias e a súa resposta ante calquera intervención sexa o máis áxil e eficiente posible e que a atención estea garantida en toda a comunidade de forma homoxénea.

A Administración autonómica realizou un importante investimento neste eido nos últimos anos que xa supera os 12 millóns de euros en equipamento de emerxencias cedido aos concellos galegos. A Xunta tamén contribúe ao funcionamento dos servizos de emerxencias, mediante mecanismos como os convenios para financiar o mantemento dos GES.

Imaxes relacionadas