Medio Rural destaca a importancia da formación continua do dispositivo de loita contra incendios para mellorar a súa profesionalidade

A Consellería organiza para a vindeira semana dous cursos sobre grandes incendios forestais, na que participarán técnicos e axentes facultativos medioambientais do dispositivo

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, ten organizado para a vindeira semana dous cursos sobre grandes incendios forestais (GIF), co fin de seguir ampliando a formación continua dos traballadores do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (SPDCIF) para así mellorar a súa profesionalidade.

Ambos cursos terán lugar na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), sita na Estrada, cun aforo total de 30 prazas cada curso. Así, unha das accións formativas está dirixida a técnicos dos distritos forestais, dos servizos provinciais e da Subdirección Xeral de Extinción, cunha duración de 36 horas lectivas.

O segundo curso vai dirixido a axentes facultativos medioambientais da Dirección Xeral de Defensa do Monte e terá unha duración de 24 horas lectivas. Neste último caso, trátase da segunda edición, xa que a primeira levouse a cabo en decembro de 2019 e nela tamén participaron outros 30 axentes.

Ambos cursos xirarán arredor dos grandes lumes, aqueles que afectan a máis de 500 hectáreas e servirán para intercambiar opinións e experiencias nas tarefas de prevención e extinción destes casos. Para iso, o profesorado dos cursos contará con profesionais de probada experiencia na extinción deste tipo de incendios.

Estas accións enmárcanse no programa de formación da Consellería para este colectivo, que se distribúe ao longo das catro provincias e os dezanove distritos nos que se estrutura o territorio forestal galego. O obxectivo do programa é mellorar e ampliar os coñecementos dos traballadores do SPDCIF co fin de ter un dispositivo o máis profesionalizado e dinámico posible.

Imaxes relacionadas