A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade avanzou hoxe que na primavera uns 20.000 ourensáns menores de 21 anos poderán viaxar gratis no transporte interurbano coa tarxeta ‘Xente Nova’

Ethel Vázquez destaca que os novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia incrementan nun 50% os servizos de autobús interurbano entre Ourense e o polígono de San Cibrao das Viñas

Vázquez Mourelle indica que estes novos contratos, que comezaron a funcionar o 8 de xaneiro, aumentan as frecuencias, adecúan os horarios ás entradas e saídas dos traballadores dos seus postos e habilitan máis paradas

Concreta que os novos servizos incrementan en catro as rutas de transporte interurbano entre a cidade de Ourense e o polígono, pasando de 10 a 14

Engade que a estas vantaxes se suman os bonos mensuais para 50 viaxes que xa están en vigor e supoñen unha rebaixa do 30% no prezo do billete

Adianta que ao longo da primavera tamén se poderá comezar a utilizar a tarxeta TMG, que permitirá ampliar o abano de bonificacións

Apunta que a Xunta está avaliando outras expedicións e paradas solicitadas polo sector empresarial, que se atenderán se hai demanda

Fai fincapé na aposta da Xunta pola modernización das infraestruturas e o fomento da mobilidade, coa construción da terminal de autobuses integrada na intermodal de Ourense, que este verán estará á disposición dos usuarios

Lembra que a mediados deste ano o Goberno galego tamén porá en servizo a nova conexión que unirá o polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52, cun investimento de case 22 millóns de euros

Ourense, 17 de xaneiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, destacou hoxe que os novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia aumentan nun 50 % os servizos de autobús interurbano entre Ourense Polígono de San Cibrao das Viñas.

Vázquez Mourelle comprobou hoxe ‘in situ’ este incremento de servizos, realizando o percorrido de autobús dende Seixalbo ata o polígono, no marco dunha ruta que se inicia na estación de autobuses de Ourense e continúa ata o Parque Tecnolóxico de Galicia.

Indicou que estes contratos, que comezaron a funcionar o 8 de xaneiro, atenden as solicitudes dos empresarios, ao aumentar as frecuencias, adecuar os horarios ás entradas e saídas dos traballadores, habilitar máis paradas e dar máis servizos á poboación da área.

Concretou que os novos servizos incrementan en catro as rutas de transporte interurbano entre a cidade de Ourense e o polígono, pois agora son 14 fronte ás 10 que había antes. Engadiu que tamén se suman 10 expedicións máis, ata chegar ás 31 en días laborais.

Precisou que a estas vantaxes se suman os bonos mensuais para 50 viaxes que xa están en vigor e que supoñen unha rebaixa do 30% no prezo do billete.

Apuntou que na liña de diálogo e colaboración co sector empresarial, a Xunta está avaliando outras expedicións e paradas solicitadas, que se atenderán se hai demanda.

Recordou que o Executivo autonómico está contribuíndo á modernización das infraestruturas e ao fomento da mobilidade, a través da construción da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ourense, que estará á disposición dos usuarios neste verán.

Sinalou que tamén se segue avanzando no Plan de mellora de refuxios, coa instalación de marquesiñas en zonas urbanas e rurais para mellorar as paradas nas liñas de transporte interurbano. Puxo como exemplo a marquesiña recentemente colocada en Seixalbo.

Lembrou o investimento de case 22 millóns de euros que está a realizar o Goberno galego na nova conexión que unirá o polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52, cuxa posta en servizo se prevé para mediados de ano, pois o grado de execución actual supera o 70%.

Tarxeta Xente Nova

A conselleira tamén adiantou esta mañá que na vindeira primavera, preto de 20.000 mozos ourensáns, menores de 21 anos, poderán comezar a beneficiarse da gratuidade das viaxes no autobús interurbano grazas á tarxeta ‘Xente Nova’.

Salientou que Ourense e arredores será unha das primeiras zonas beneficiadas da ampliación do emprego da tarxeta ‘Xente Nova’ ao conxunto da comunidade.

Lembrou que ao longo da primavera tamén se poderá comezar a utilizar a tarxeta TMG, que permitirá ampliar o abano de bonificacións.

Imaxes relacionadas