Medio Ambiente e Concello de Aranga completan a humanización do núcleo da Castellana, no que se investiron case 90.000 euros

A conselleira Ángeles Vázquez visitou o concello coruñés para comprobar o resultado dos traballos na zona, que concluíron o pasado mes de decembro

Lembra que grazas ao Plan Hurbe, a Xunta colaborou coas entidades locais na execución de 200 actuacións e só o ano pasado asumiu 90 novos compromisos
 

Aranga (A Coruña), 17 de xaneiro de 2020

A colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Aranga permitiu acometer unha completa actuación de mellora e humanización no núcleo da Castellana, un dos máis importantes do municipio coruñés. A actuación, rematada o pasado mes de decembro, incluíu a mellora na delimitación das prazas de aparcadoiro, a sinalización de catro delas reservadas para persoas con discapacidade e unha nova instalación de alumeado público, coa colocación de 80 luminarias con tecnoloxía LED.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a zona da actuación, na que se investiron 87.850 euros, cofinanciados nun 70% pola Xunta (61.495 euros) e nun 30% polo Concello (26.355 euros). Grazas ás obras acometidas, como subliñou, levouse a cabo unha completa humanización do núcleo, combinando á vez a necesidade de garantir un urbanismo respectuoso coa contorna e a prestación de servizos útiles aos veciños.

Nesta liña, Vázquez Mejuto incidiu en que entre as vantaxes da obra realizada cómpre mencionar a redución do gasto público destinado tanto ao mantemento como á factura da luz. Ademais, tamén se aproveitaron os traballos na zona para renovar todo o cableado e soterralo co fin de minorar o impacto visual da anterior instalación.

En todo caso, a conselleira incidiu en que a Xunta apoia aos concellos para que avancen cara a unha ordenación territorial e urbanística máis moderna non só a través da execución de obras coma a da Castellana, senón tamén contribuíndo ao financiamento dos seus plans xerais. É o caso do Concello de Aranga, que aprobou definitivamente o seu PXOM en decembro de 2013 cunha axuda da Consellería, segundo lembrou, de case 90.000 euros.

Compromisos do Plan Hurbe 2019-2020

A obra de humanización acometida no núcleo da Castellana enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público. Grazas a estes investimentos, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios da comunidade.

Nos últimos anos a estreita colaboración entre Xunta e entidades locais a través do Plan Hurbe permitiu levar a cabo centos de intervencións para recuperar e humanizar o patrimonio xa construído das vilas galegas e renovar aquelas infraestruturas públicas municipais que repercuten directamente sobre a calidade de vida dos seus veciños.

Neste sentido, só durante o ano 2019 a Consellería de Medio Ambiente asumiu preto de 90 novos compromisos cun investimento asociado de 12,9 millóns de euros para a execución de novos proxectos urbanísticos a nivel local.

Este esforzo continuará tamén ao longo do presente exercicio, xa que, como lembrou a conselleira durante a súa visita a Aranga, nos orzamentos da Xunta de 2020 hai reservados 6,5 millóns de euros para financiar novas actuacións urbanísticas nos concellos, como poden ser a mellora de contornas urbanas ou de determinados equipamentos municipais.
 

Imaxes relacionadas