Medio Rural leva investidos máis de 3,6 millóns de euros na reestruturación parcelaria de Fisteus, en Curtis, a maior de Galicia con case 4000 hectáreas

O director xeral de Desenvolvemento Rural mantivo un encontro co alcalde do concello coruñés para escoitar as inquedanzas dos implicados

A Consellería resolverá as dúbidas dos veciños nunha xuntanza a finais deste mes

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2020

A Consellería do Medio Rural leva investidos máis de 3,6 millóns de euros na reestruturación parcelaria de Fisteus, no concello coruñés de Curtis. Así o trasladou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, ao alcalde do municipio, Javier Francisco Caínzos Vázquez, nunha xuntanza na que tamén estiveron presentes técnicos da Consellería.

No encontro, o rexedor de Curtis expuxo as inquedanzas e intereses dos veciños da parroquia de Santa María de Fisteus á hora de abordar o proceso de reestruturación parcelaria. Pola súa parte, o director xeral acordou convocar a finais deste mes unha reunión con todos os implicados para escoitalos e resolver as súas dúbidas.

A reestruturación parcelaria de Fisteus é a de maior extensión de Galicia. Afecta a 1062 propietarios do concello coruñés de Curtis e a unha superficie de 3938 hectáreas repartidas en 9921 parcelas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural