Conde sinala que a loxística achega solucións innovadoras para que as empresas galegas compitan no mercado internacional

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en Vigo na presentación do proxecto europeo CoLogistics, no que colaboran Galicia e Norte de Portugal

Apunta á necesidade de que este sector, que supón o 4% do PIB galego, se anticipe aos cambios a través da Estratexia Loxística, que mobilizará 20 millóns de euros en investimentos

Inclúe iniciativas como a posta en marcha dunha plataforma dixital de co-carga e unha aceleradora do sector

Incide tamén na aposta por infraestruturas como o Corredor Atlántico, para poder competir en igualdade de condicións con outras rexións

Vigo, 15 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en Vigo na presentación do proxecto Cologistics que esta iniciativa supón introducir o vector loxístico na competitividade do tecido produtivo galego, e que a loxística debe dar respostas tecnolóxicas innovadoras e desde o punto de vista das infraestruturas para que a comercialización dos produtos galegos sexa máis competitiva e que tanto as grandes empresas como as pequenas e medianas compañías atopen na loxística un elemento de competitividade.

Tal e como apuntou o conselleiro, “o taboleiro a nivel mundial está mudando cada vez máis rápido e precisamos anticiparnos tamén desde o punto de vista da loxística”. Nese contexto, puxo en valor as medidas que se están activando no eido do proxecto Cologistics e da Estratexia de Optimización Loxística posta en marcha pola Xunta. Conde incidiu na necesidade tamén de apostar por infraestruturas como o Corredor Atlántico, para poder competir en igualdade de condicións con outras rexións.

Segundo sinalou o conselleiro, CoLogistics, no que colaboran Galicia e o Norte de Portugal, avanza nunha reformulación do sector na que tanto Portugal como Galicia queren ser protagonistas, convertendo o territorio nun potencial referente da loxística europea.

O conselleiro sinalou que a Xunta é consciente da importancia da loxística non só polo seu efecto transversal na actividade produtiva, senón polo seu peso específico na economía. Así, representa o 4% do PIB galego, dá emprego a preto de 50.000 persoas e opera en case 12.000 empresas. Por iso, a través da Estratexia Loxística, búscase reforzar o sector incentivando o seu desenvolvemento e a súa modernización, mobilizando máis de 20 millóns de euros en investimentos. Inclúense nesta folla de ruta iniciativas como a posta en marcha dunha plataforma dixital de co-carga (unha especie de booking da loxística) e unha aceleradora do sector loxístico.

No proxecto CoLogistics, financiado a través do programa POCTEP, participan a Confederación de Empresarios de Pontevedra, que lidera o proxecto, a Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo, a Associação Empresarial de Portugal, a Administración dos portos do Douro, Leixões e Viana do Castelo e a Cãmara Municipal de Vilanova de Famalição. O obxectivo é potenciar a internacionalización e a presenza no exterior do tecido produtivo da Eurorrexión a través do impulso da actividade loxística e o fortalecemento das súas capacidades organizativas e tecnolóxicas. Conta cun orzamento de 2,2 millóns de euros, dos cales a Xunta achega preto dun millón.

Imaxes relacionadas