A conselleira de Política Social presidiu hoxe o encontro celebrado no Consello Económico e Social de Galicia (CES)

Fabiola García reúnese coa Fegamp e con entidades sociais para avanzar na renovación da Axenda Social Única de Galicia

Destaca que o 96% das medidas recollidas na anterior Axenda son xa unha realidade e contaron cun investimento de 162 millóns de euros

Esta actualización conta co aval do Parlamento de Galicia, onde o 80% votou a favor da súa aprobación

O Goberno galego agarda consensuar cos axentes esta nova folla de ruta durante o primeiro semestre deste ano
 

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, presidiu esta mañá a primeira reunión da comisión para a renovación da Axenda Social Única de Galicia á que asistiron o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e representantes dalgunhas das principais entidades sociais. Á entrada do encontro, celebrado no Consello Económico e Social de Galicia (CES), a conselleira destacou a importancia do diálogo e a colaboración entre institucións para loitar contra a pobreza e a exclusión social.

Fabiola García sinalou que a anterior Axenda Social Única foi consensuada no ano 2016 cos mesmos axentes e logrou facer realidade o 96% das medidas daquela recollidas. Unhas iniciativas que contaron cun investimento de 162 millóns de euros. Así mesmo, concretou algún dos éxitos que se acadaron en materia de vivenda, a través do Bono Alugueiro Social ou a ampliación do programa Reconduce, que ao longo destes anos actuou para evitar máis de 1450 desafiuzamentos.

A conselleira lembrou que aínda queda moito por facer en materia de inclusión, polo que apostou por renovar e actualizar un novo documento adaptado aos retos dos vindeiros catro anos, unha actuación para a que hoxe se dá o primeiro paso. Lembrou ademais que nesta tarefa contan co aval do Parlamento de Galicia, onde o 80% votou a favor de aprobar a nova Axenda neste primeiro semestre do ano.
 

Imaxes relacionadas