Conde avanza un novo programa para facilitar a contratación de 300 menores de 30 anos tras un período formativo
Suporá un investimento de 7M€ para celebrar 20 proxectos e complementará aos obradoiros duais de emprego, que contarán cun orzamento de 23,2M€
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá aos 36 alumnos que participan nos obradoiros de emprego ‘Redondela sostible’ e ‘Redondela Vila Bela III’ que combinan a formación en carpintería e vernizado, deseño gráfico, cantería e no eido forestal coa práctica laboral
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou esta mañá en Redondela o novo programa de emprego para menores de 30 anos que se convocará nos próximos días para mellorar a empregabilidade deste colectivo.
En concreto, destinaranse 7M€ para que as entidades locais poidan desenvolver iniciativas de formación e aprendizaxe acompañadas dun contrato de traballo en empresas do sector, cunha duración total de 18 meses. Agárdase apoiar 20 proxectos e chegar a 300 mozos e mozas desempregados.
Esta nova medida complementa aos obradoiros duais de emprego -que tamén se convocarán este mes- que este ano contarán cunha dotación de 23,2M€ (un 10% máis que o ano pasado) para financiar 66 proxectos e beneficiar a máis de 1.400 persoas.
O conselleiro realizou este anuncio durante a visita a dous obradoiros de emprego en Redondela. En concreto, Conde estivo co alumnado dos obradoiros Redondela sostible e Redondela Vila Bela III, no que participan 36 persoas que están recibindo formación e práctica laboral en carpintería e vernizado, deseño gráfico, cantería e no eido forestal. Entre as accións previstas están a cuberta de lavadoiros na zona de Chapela e a colocación de mobiliario urbano; o deseño de campañas e carteis para o Concello; actuacións de ornamentación e colocación de pedra en varios edificios e ubicacións municipais; así como mantemento da horta ecolóxica e acondicionamento de parcelas e espazos verdes da localidade.
Estas accións enmárcanse no Plan galego de formación para o emprego que ten como obxectivo contar cunha Galicia máis preparada e grazas ao que Galicia foi, en 2019, a Comunidade que ofreceu un maior número de convocatorias nesta materia.