A Xunta entrega un vehículo anfibio ao concello de Maceda para atender emerxencias en zonas de difícil acceso

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe deste quad para mellorar os servizos de emerxencias do municipio

A Administración autonómica investiu nos últimos anos máis de 12 millóns de euros en medios materiais cedidos aos concellos
 

Maceda (Ourense), 14 de xaneiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe ao concello de Maceda dun vehículo anfibio a motor co que poder atender emerxencias en zonas de difícil acceso e que permitirá reforzar o equipamento de emerxencias dos servizos municipais. Á entrega acudiron tamén o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Alfonso Rueda incidiu na importancia da colaboración da Xunta cos concellos para dotar de medios materiais ao persoal dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e das Agrupacións da Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da nosa comunidade, co obxectivo de que estean ben equipados e mellor preparados para ofrecer un servizo eficiente e unha atención eficaz aos seus veciños ante calquera intervención.

O novo vehículo a motor entregado hoxe ao concello de Maceda, no que o Goberno galego investiu 40.000 euros, conta con oito rodas e tracción total, ademais de cadeas para empregar en zonas embarradas e con neve. Trátase dun quad anfibio que pode trasladarse tanto en terra como en auga e en calquera tipo de clima. Son vehículos idóneos para a prestación de apoio loxístico nas situacións onde son precisos sistemas de transporte polivalentes porque presentan vantaxes sobre outro tipo de equipamento nas actuacións levadas a cabo nas zonas de maior risco e dificultade de circulación debido á orografía ou a outras condicións extremas.

A Administración autonómica segue así coa premisa de dotar aos servizos de emerxencias de máis equipamento e nos últimos anos realizou un importante investimento que supera os 12 millóns de euros en material cedido aos concellos. Ademais, a Xunta financia o mantemento dos GES e mantén unha importante aposta pola formación actualizada aos profesionais e voluntarios neste ámbito a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
 

Imaxes relacionadas