Conde defende en Carballo a necesidade de apostar por iniciativas formativas que contribúan á inclusión sociolaboral de persoas con diversidade funcional

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber), dedicada a ofrecer oportunidades de emprego para os seus alumnos

A asociación é unha das 6 beneficiarias do novo programa de formación dual da Xunta, que ofrecerá a 60 persoas con discapacidade intelectual contratos adaptados de formación e aprendizaxe de 3 anos de duración

Chamou a desenvolver liñas de actuación que contribúan a mellorar a cualificación profesional e a deseñar itinerarios adaptados para espolear o talento inclusivo
 

Carballo (A Coruña), 13 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber), unha agrupación fundada en 1976, e que naceu para ofrecer oportunidades para a integración social e laboral dos seus alumnos, así como para prestar os apoios necesarios para asegurar a autonomía e o proxecto de vida dos seus membros.

Valéndose do lema de Aspaber, “Aprender a facer facendo”, Conde salientou a necesidade de apostar por iniciativas que sirvan para mellorar a cualificación profesional e a formación das persoas con diversidade funcional, facilitando a súa inclusión laboral grazas a itinerarios profesionais adaptados ás súas necesidades e ofrecendo un respaldo institucional que garanta o seu desenvolvemento persoal.

A este respecto, a Administración destinará este ano preto de 40 millóns de euros a programas de orientación, formación, contratación e autoemprego de persoas con discapacidade.

Neste conxunto inclúese o novo programa de formación dual, cun orzamento cifrado en 3 millóns de euros, que permitirá desenvolver colaboracións con 6 Centros Especiais de Emprego (CEE), incluíndo Aspaber, beneficiando a 60 persoas con contratos adaptados de formación e aprendizaxe de 3 anos de duración. Estes contratos inclúen plans de formación específicos para asegurar a estabilidade dos seus beneficiarios e para permitir a obtención de certificados de profesionalidade.

Este novo programa de potenciación laboral engádese a outros xa en vigor, como o programa Emprega Discapacidade, dotado con 2,2 millóns de euros e que facilitará a contratación de 150 persoas; ou ás axudas a 106 Centros Especiais de Emprego (CEE) dotadas con 17,2 millóns para apoiar a ocupación de 2.900 persoas e a creación de 80 postos indefinidos.

Deste xeito, o titular de Economía, Emprego e Industria fixou como prioridade da Xunta a inclusión sociolaboral plena das persoas con discapacidade, ofrecendo condicións que dignifiquen e aseguren o benestar dos galegos e galegas. O conselleiro chamou a poñer máis énfase na diversidade como parte dun ecosistema laboral xusto e equilibrado, demostrando as vantaxes de apostar polo talento inclusivo e asegurando unha sociedade máis xusta.

Emprego inclusivo en Galicia

No período 2014-2017, as persoas con discapacidade ocupadas aumentaron en Galicia un 75,6%, máis do triplo da media nacional, ata situarse nos 25.100 empregados. O conselleiro insistiu en que o volume de participación desexable aínda está lonxe, e chamou a seguir traballando para garantir a inclusión laboral plena das persoas con diversidade funcional.
 

Imaxes relacionadas