A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou o proxecto da primeira autovía autonómica da provincia, que arrinca con 11,5 quilómetros entre a Pobra de San Xiao e Sarria Centro

A Xunta licita a primeira fase do desdobramento da VAP Nadela-Sarria, cun investimento de 24,6 millóns de euros, para iniciar as obras a mediados de ano

Vázquez Mourelle explica que é a maior licitación da Xunta en estradas da provincia na última década e que os Orzamentos da Xunta deste ano reservan xa unha partida de 3 millóns de euros para a súa execución

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de febreiro, e os traballos teñen un prazo de execución de 24 meses

No día de hoxe estaban convocados no Páramo os propietarios dos terreos para o levantamento de actas previas á ocupación

Para converter o tramo en autovía executarase unha nova calzada paralela pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xíao, adaptaranse os enlaces e pasos inferiores e reporanse os camiños

Avanza que o treito de autovía terá valla reforzada para reducir a accidentalidade causada polo xabaril e substituirase a existente no lado que non se desdobra

Desde 2009, a Xunta incrementa en máis dun 70% os quilómetros de vías libres de altas prestacións libres de peaxe en Galicia, máis de 50 deles na provincia de Lugo, completando a autovía Ferrol-Vilalba e a estrada Celeiro-San Cibrao

Lugo, 13 de xaneiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez informou hoxe da licitación da primeira fase do desdobramento da Vía de Altas Prestacións Nadela-Sarria, cun investimento de 24,6 millóns de euros, co obxectivo de iniciar as obras a mediados deste mesmo ano.

Vázquez Mourelle, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, detallou en rolda de prensa os avances para facer realidade a construción da primeira autovía autonómica da provincia, que arrincará con 11,5 quilómetros entre A Pobra de San Xiaio e Sarria Centro.

A conselleira salientou que se trata do maior investimento da Xunta na provincia en materia de estradas na última década, e que os Orzamentos da Xunta deste ano reservan xa unha partida de 3 millóns de euros para iniciar e avanzar na súa execución.

Sinalou que con esta iniciativa conseguirase un reforzo da seguridade viaria e a mellora da funcionalidade e o nivel de servizo da vía de altas prestacións.

Tal e como recolle a plataforma de contratación da Xunta, as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de febreiro, cuxas obras teñen un prazo de execución de 24 meses.

En paralelo, o departamento que dirixe ten convocado aos titulares dos terreos necesarios para executar esta 1ª fase para o levantamento de actas previas á súa ocupación.

As obras requirirán a afectación de 72 parcelas, nos termos de Páramo e de Sarria, o que requirirá un importe previsto de 257.000 euros. Esta mañá están convocados para o levantamento das actas previas á ocupación os propietarios dos terreos situados no municipio do Páramo, e este mesmo mércores e xoves están citados os propietarios dos terreos do concello de Sarria.

Ethel Vázquez explicou que o inicio do desdobramento no treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria Centro vese xustificado no incremento do tráfico no mesmo, sendo no 2018 do 4,5% fronte ao 0,5% rexistrado no conxunto da rede autonómica de estradas. Neste tramo, concretou, resulta necesaria a ampliación da capacidade, tanto pola súa alta intensidade de tráfico, uns 7.450 vehículos ao día, como pola súa orografía complicada, con pendentes pronunciadas que reducen a velocidade dos vehículos e diminúen as posibilidades de adiantamento.

Referiu o detalle das obras licitadas hoxe para converter este tramo en autovía, coa construción dunha nova calzada paralela á existente, pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, pasando de 1 calzada con 2 carrís actuais a 2 calzadas con 2 carrís por sentido. A actuación tamén inclúe a adaptación dos enlaces e dos pasos inferiores existentes, ademais da reposición dos camiños de servizo afectados.

A titular do departamento de Infraestruturas da Xunta asegurou que o deseño da autovía responde aos criterios técnicos máis exixentes, o que vai a permitir facer o percorrido de xeito máis rápido, máis seguro e con maior comodidade, cunha velocidade máxima de 120 Km/h.

Puxo o acento ademais en que as obras procurarán a redución da accidentalidade nas estradas como consecuencia do xabaril. Un asunto, subliñou, que preocupa e ocupa á Xunta, e sobre o que se teñen levado a cabo diversas iniciativas experimentais, comprobando que o máis efectivo son as vallas reforzadas para vías con accesos limitados.
Aquí, a conselleira avanzou que isto é precisamente o que sen ten proxectado no treito de autovía entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, que irá con valla reforzada en ambos os lados. Así, ademais de colocar esa valla pola marxe esquerda, por onde irá a nova calzada, tamén se substituirá a xa existente, no lado que non se desdobra.

A conselleira tamén puxo en valor o traballo da Xunta desde 2009 en Galicia para lograr incrementar en máis dun 70% os quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe. Puxéronse en servizo 220 quilómetros de vías de altas prestacións sen unha soa peaxe, permitindo que 8 de cada 10 galegos vivan hoxe a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións.

Neste mesmo período, na provincia de Lugo, pese a crise, a Xunta puxo á disposición dos veciños máis de 50 quilómetros de vías de altas prestacións sen peaxes, completando o último treito da autovía Ferrol-Vilalba e poñendo en servizo o treito Celeiro-San Cibrao da VAP Costa Norte. Tamén puxéronse en servizo 28 quilómetros da vía de altas prestacións Sarria-Monforte, destinando un investimento de 135 M€ para completar a conexión entre a cidade de Lugo e o sur da provincia.

Imaxes relacionadas