A Xunta investiu máis 93.000 € nos concellos de Curtis e Sobrado para levar a cabo actuacións medioambientais

A Xunta apoiou con máis de 487.000 euros diferentes proxectos paisaxísticos, medioambientais e de mellora de equipamentos nos concellos da comarca da Coruña

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza financiou este tipo de traballos con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental e da orde de Infraestruturas

Curtis (A Coruña), 13 de xaneiro 2020

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, coñeceu, esta mañá, as dúas actuacións que se levaron a cabo nos concellos de Curtis e Sobrado con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental competitivo e non competitivo. Concretamente, nestes dous concellos a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza investiu máis de 93.000 euros en dous proxectos.

A primeira das actuacións consistiu na posta en marcha da xestión compartida de recollida de residuos sólidos urbanos entre Curtis e Sobrado. Esta achega, de máis de 54.000 euros, repartiuse con 20.000 euros para a creación dun equipo ambiental para levar a cabo unha campaña de concienciación informativa e divulgativa e accións de vixilancia e control de residuos e vertidos e con 34.000 euros para adquisición de dous vehículos para desenvolver as súas tarefas en condicións de calidade e cos equipos necesarios.

A segunda das actuacións levouse a cabo no concello de Curtis e contou cunha axuda da Xunta de 39.000 euros para a adquisición de equipos e maquinaria para a limpeza e mantemento dos espazos naturais e de protección ambiental no municipio. Concretamente, adquiriuse una novo vehículo, un remolque, un cortacésped, un tractor cortacésped, un motor multifunción e un limpador de vías.

Ovidio Rodeiro lembrou que na resolución das ordes de Axudas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental competitivo e non competitivo competitivo e de Infraestruturas se repartiron máis de 487.257 euros en 12 concellos da comarca da Coruña.

O representante do Goberno autonómico destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.

O investimento total repártese entre Aranga, Arteixo, Curtis, Irixoa, Oza-Cesuras, Paderne, Sobrado, Coirós, Bergondo, Abegondo, Carral e Vilasantar tendo en conta criterios obxectivos por ter no seu territorio municipal un parque eólico ou por estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.

Estas axudas van destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.

Imaxes relacionadas