Medio Ambiente e concello de Boimorto impulsarán o programa de compostaxe doméstica no municipio con novos composteiros

A conselleira Ángeles Vázquez e a alcaldesa María Jesús Novo mantiveron unha reunión centrada na mellora da xestión dos residuos municipais e analizaron a posibilidade de aumentar este ano as instalacións destinadas á fracción orgánica

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2020-

O Concello de Boimorto quere impulsar e reforzar a implantación dentro do seu termo municipal do programa de compostaxe doméstica, unha iniciativa impulsada e xestionada por Sogama desde hai anos para axudar a administracións locais, centros educativos e outras entidades de carácter social a mellorar a xestión da fracción orgánica do lixo a través da elaboración de compost de calidade.

Así llo trasladou a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha reunión durante a que abordaron a mellora da xestión dos residuos urbanos en Boimorto e, mais concretamente, a posibilidade de ampliar o número de composteiros instalados no municipio.

Cómpre lembrar que algo máis do 40% da bolsa negra dos fogares galegos está composta por materia orgánica, de aí a importancia de recoller e tratar de forma axeitada os biorresiduos para camiñar cara ao obxectivo do vertido técnico 0, é dicir, que só acaben en vertedoiro aqueles residuos que non se podan reciclar ou valorizar. Por iso, a conselleira celebrou a decisión da alcaldesa de darlle un pulo definitivo a este programa, ao que o concello se adheriu no ano 2012 e que agora pretende estender para chegar a máis fogares.

Neste sentido, Ángeles Vázquez referiuse tamén ao triplo beneficio da fabricación de compost xa que, por un lado, contribúe á mellora do medio ambiente ao reducir as emisións de CO2, por outro garante un fertilizante de calidade e a recuperación dunha práctica tradicional do rural galego, e por último, reduce os custos dos servizos de recollida do lixo.

Precisamente, Ángeles Vázquez fixo especial fincapé nas iniciativas e axudas que pon a Xunta á disposición dos concellos, responsables últimos da xestión dos residuos urbanos, co fin de axudalos a chegar aos obxectivos fixados por Europa nesta materia. Así, lembroulle á alcaldesa que as contas do seu departamento reservan este ano case seis millóns de euros para mellorar a xestión da fracción orgánica do lixo e avanzar cara á súa valorización.

Balance do programa de Sogama
 

Desde a posta en marcha do programa de Compostaxe Doméstica, Sogama xa distribuíu gratuitamente un total de 11.200 composteiros entre 333 entidades, maioritariamente concellos (188 en toda Galicia), centros educativos (123) e entidades sociais (19). Cada un destes dispositivos para facer compost teñen entre 360 e 400 litros de capacidade e están feitos de materiais reciclados, polo que ao final da súa vida útil son totalmente recuperables.

Imaxes relacionadas