A superficie afectada pola rata toupa en diferentes concellos de Lugo rolda as 1.630 hectáreas nun total de 2.995 parcelas

Así o declararon os propios agricultores e gandeiros da zona, tras cumprirse a ampliación do prazo que eles mesmos solicitaron para avaliar a afectación

Agora, con esta información, técnicos da Consellería do Medio Rural desprazaranse de novo á área afectada para determinar a poboación de roedores e avaliar as posibles medidas a adoptar, sempre cumprindo a normativa vixente

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2020

A superficie afectada pola rata toupa en diferentes concellos da provincia de Lugo sitúase nas 1.629,63 hectáreas, nun total de 2.995 parcelas. Así o reflicten as declaracións feitas polos propios afectados, unha vez rematado o prazo que eles mesmos solicitaron ampliar á Xunta para facer esta avaliación. Os municipios lugueses nos que se detectou a presenza deste roedor son os das Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.

Tendo en conta esta información, técnicos da Consellería do Medio Rural desprazaranse de novo á zona afectada para determinar a poboación de roedores e avaliar as posibles medidas a adoptar, sempre de acordo coa normativa vixente sobre o particular. O persoal da Xunta xa traballou sobre o terreo en novembro pasado. Naquel momento, os gandeiros e agricultores afectados comprometéronse a trasladar os datos da incidencia despois da Ponte da Constitución. Posteriormente, eles mesmos solicitaron que se ampliase ese prazo de declaración, algo que a Consellería aceptou, prolongándoo ata despois da festividade de Reis.

A partir de agora volverán a manterse reunións cos afectados para avaliar e consensuar as medidas a aplicar. Así, analizaranse os diferentes métodos de loita contra este animal permitidos pola lexislación e compatibles coa actividade gandeira e co medio ambiente. Nun primeiro momento, os propios afectados trasladaron á Xunta que as medidas a levar a cabo non terían efecto en períodos de choiva nin de neve, unhas condicións que, como é sabido, viñéronse dando desde novembro de 2019 ata practicamente finais do pasado ano.

Cómpre lembrar, por último, que o propio conselleiro informou no Parlamento sobre esta cuestión e advertiu que a presenza destes roedores non é novidosa, xa que houbo un caso semellante en 2010. Daquela, foi atallado cun principio activo que na actualidade non está autorizado, polo que o titular de Medio Rural apelou á cautela, á responsabilidade e á prudencia para xestionar este problema, uns principios que seguen a rexer a actividade do Goberno galego ao respecto.