A Xunta licita hoxe por 665.000 euros as obras de mellora da eficiencia enerxética do IES Lama das Quendas de Chantada

Chantada (Lugo), 10 de xaneiro de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe na plataforma Contratos de Galicia a licitación da rehabilitación enerxética do IES Lama das Quendas (Chantada) por un importe de 665.658,39 €.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo esta mañá no instituto unha xuntanza co alcalde, Manuel Lorenzo Varela, e con representantes da comunidade educativa para dar a coñecer os detalles do proxecto. As empresas interesadas en presentar ofertas teñen de prazo ata o día 31 de xaneiro.

As actuacións centraranse na mellora da eficiencia enerxética do centro, a través da colocación de illamento de fachada polo exterior mediante sistema SATE. Así mesmo mudaranse as actuais fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se substituirán as persianas, que levarán illante térmico interior.

A maiores a obra contempla a reparación da cuberta do polideportivo e a substitución do termo dos vestiarios. Os traballos completaranse coa reparación e pintado de paramentos, a renovación dos aseos -incluído novo mobiliario, fontanería e saneamento-, e co abrillantado do pavimento de terrazo.

Balseiro salientou que a Xunta inicia o proceso de contratación dunha obra que ten previsto executar este mesmo ano, no que o instituto de Chantada celebra o seu 50 aniversario.

Segundo as previsións que manexa a Consellería, o proceso de licitación e adxudicación das obras estará rematado antes do vindeiro xuño. Os traballos teñen un prazo de execución de 2,5 meses.

Esta é unha das 8 obras de rehabilitación enerxética que a Consellería de Educación ten previsto executar ao longo deste ano 2020 en diferentes concellos das catro provincias e que están xa licitadas por un importe total de 5.630.183,89? euros.

Imaxes relacionadas