A Xunta apoia o Festival Internacional Pórtico do Paraíso nunha edición que se estende por vez primeira á provincia de Lugo

A décimo terceira entrega do evento, dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, desenvolverase do 6 ao 15 de marzo con dous concertos na Ribeira Sacra lucense, ademais de en Ourense e no Carballiño

Monforte de Lemos (Lugo), 8 de xaneiro de 2020

A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso adiantou hoxe o cartel da súa décimo terceira edición, que terá lugar do 6 ao 15 de marzo e para a que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. O festival, dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, esténdese por vez primeira fóra da provincia de Ourense, para ofrecer na Ribeira Sacra lucense dous dos cinco concertos programados este ano.

Con tal motivo, Monforte de Lemos acolleu esta presentación, na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, xunto distintos representantes institucionais; Juan Enrique Miguéns, presidente da Asociación Pórtico Musical e director artístico do encontro; e a súa coordinadora, Conchi da Silva.

O representante da Xunta destacou a traxectoria de descentralización seguida polo evento, que en primeiro lugar se estendeu desde a cidade de Ourense a outros puntos da provincia e agora dá o salto á de Lugo. “Desde a Consellería de Cultura e Turismo, vemos esta descentralización do festival e a súa apertura a unha contorna natural e patrimonial de tanta riqueza como é a Ribeira Sacra lucense como un gran valor engadido a un evento que xa conta co aval do público e con recoñecementos tan destacados como o selo de calidade EFFE Label, que se concedeu a Asociación de Festivais Europeos”, sinalou.

Concerto inaugural

En palabras de Sutil, Pórtico do Paraíso ten xa consolidado un importante papel como plataforma de difusión da música culta entre o noso público a través de propostas tanto de intérpretes galegos como do resto de España e do panorama internacional. Así por exemplo, no cartel deste ano, o concerto inaugural correrá a cargo da Escolanía de Segovia o 6 de marzo no Templo da Vera Cruz do Carballiño.

O festival inclúe, así mesmo, as actuacións do arpista británico Andrew Lawrence King o día 7 na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao), do violinista galego José Manuel Álvarez o día 8 na igrexa do Santo Anxo de Ourense, do Kosmos Emsemble do Reino unido o día 13 na igrexa de Santa María da Régoa de Monforte de Lemos e do guitarrista arxentino Víctor Villadangos o 15 de marzo no Liceo de Ourense. Este último será, ademais, o encargado de impartir o curso de interpretación que se desenvolverá do 11 ao 13 de marzo no Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

Imaxes relacionadas