Román Rodríguez realiza a ofrenda floral polo 84 aniversario do pasamento de Valle-Inclán

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou este mediodía no Cemiterio de Boisaca na tradicional ofrenda floral a Ramón María del Valle-Inclán, polo 84 aniversario do seu pasamento en Compostela. Fíxoo xunto a diversas autoridades das vilas e cidades relacionadas coa traxectoria vital do autor, representantes das diferentes institucións culturais valleinclanescas e familiares.

Con motivo desta efeméride, o titular do departamento autonómico destacou o legado galego e universal de Valle-Inclán. “Coñecémonos e recoñecémonos literariamente nas súas palabras, de fonda raizame galega”, afirmou Román Rodríguez, que concluíu a súa intervención convidando á súa lectura. “O mellor xeito de homenaxear a Valle-Inclán é lendo as súas obras. Esta é a mellor homenaxe que se lle pode brindar a calquera autor”, afirmou o conselleiro.

No desenvolvemento do mesmo, lembrouse a Isaac Díaz Pardo, destacado creador e intelectual galeguista finado tamén un 5 de xaneiro, neste caso do ano 2012. Ao respecto, o titular de Cultura destacou o carácter memorial de Boisaca, “no que repousan moitos ilustres como Valle-Inclán, Díaz Pardo ou os dous últimos autores aos que se lles ten dedicado o Día das Letras Galegas: Antonio Fraguas e Ricardo Carballo Calero”, aos que o Román Rodríguez cualificou como “creadores do patrimonio común da cultura galega, así como artífices da nosa intelixencia”.
 

Imaxes relacionadas