Medio Ambiente mobilizará case 320.0000 euros na construción dunhas piscinas municipais no concello ourensán de Cualedro

A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Luciano Rivero asinaron un acordo de cooperación polo que a Xunta achegará o 70% do custo e o concello o outro 30%

O obxectivo desta intervención enmárcase dentro do chamado Plan Hurbe, un programa autonómico que no período 2010-2018 permitiulle á Xunta colaborar con 125 entidades locais na execución dun total de 200 proxectos de humanización
 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co concello ourensán de Cualedro nun proxecto para a construción dunhas piscinas municipais. Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e mais o alcalde Luciano Rivero coa sinatura dun acordo de cooperación en virtude do cal a Xunta se compromete a asumir o 70% do custo da actuación e o concello, a achegar o 30% restante. Concretamente, a Consellería aportará 319.152,94 euros na anualidade de 2020 e o municipio, outros 136.779,83 euros.

A Xunta de Galicia é consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas. Neste sentido, os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna.

As obras previstas neste caso –que foron licitadas hai uns días cun orzamento base de 400.000 euros- consistirán na construción dunhas piscinas municipais, unha vella demanda veciñal xa que Cualedro é dos poucos municipios da comarca que non conta aínda cunhas instalacións deste tipo. A futura piscina, segundo consta no proxecto construtivo, estará integrada por dous vasos, unha área para vestiarios e cafetería.

Con este tipo de actuacións, como lle trasladou a conselleira ao rexedor, dáse cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades, como parte da identidade de Galicia. Nesta liña, subliñou que a Xunta é consciente da importancia de establecer lazos de colaboración cos concellos en proxectos urbanísticos que, coma este, buscan habilitar novos espazos públicos e poñer en valor certas zonas dos seus termos municipais.

Ademais, lembrou que este tipo de colaboracións para poder intervir sobre equipamentos urbanos tamén son un instrumento eficaz para axudar a frear o despoboamento do rural, xa que potencian as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, melloran o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.

Actuacións do Plan Hurbe 2010-2019

A obra no Concello de Cualedro que acaba de saír a licitación enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente co fin de apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Grazas a este programa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios da comunidade. E só neste ano 2019 xa se asumiron preto de 90 novos compromisos que mobilizarán un total de 12,9 millóns de euros para a execución de proxectos urbanísticos nos concellos galegos.

Neste sentido, cómpre lembrar que nos orzamentos da Xunta do ano 2020 tamén hai reservados 6,5 millóns de euros para realizar actuacións urbanísticas a nivel municipal, como poden ser a mellora de contornas urbanas ou dos equipamentos municipais.
 

Imaxes relacionadas