Nadal en Rede dálle a benvida ao aninovo coa nova peza ‘O vixilante dos soños’

Da man da dramaturga e actriz Ana Carreira, a nova peza chega os vindeiros días á Cañiza, Cuntis, Pontedeume e A Pobra do Caramiñal

Como en todas as actividades da RDL, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos
 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2020.- O programa Nadal en Rede, impulsado desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, dálle a benvida ao Aninovo coa peza teatral O vixilante dos soños, que chega, da man da dramaturga e actriz Ana Carreira e Ubú Teatro, durante os vindeiros días á Cañiza (venres 3, ás 18:00 horas, no auditorio), Cuntis (sábado 4, ás 17:30 horas, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres), Pontedeume (domingo 5, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura) e A Pobra do Caramiñal (o martes 7, no Teatro Elma, ás 18:00 horas). Como en todas as actividades da RDL a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos.

Nadal en Rede, propostas para festexar en galego

A RDL ponlle o ramo ao ano 2019 e celebra a chegada da segunda década do século XXI cun programa de actividades destinado a celebrarmos as festas en galego na sétima edición de Nadal en Rede. Un total de 31 entidades acollen as actividades para festexar estas datas con propostas de lecer de calidade. Unha programación que se completa con recursos para celebrar o Nadal en galego, como un modelo de carta ás Súas Maxestades de Oriente e un libro de discursos para que os Reis Magos se dirixan aos nenos e nenas na lingua propia de Galicia durante as cabalgatas.

Os Bolechas. Un nadal sen neve, convida ás familias e á xente miúda da casa a unha nova aventura dos irmáns animados e o can máis coñecidos de Galicia, cunha nova aventura arredor da problemática do quecemento do planeta, e funcións nos concellos de Curtis, Padrón, Cambados, Cuntis, Viana do Bolo, A Pobra do Brollón, Outes e Redondela.

O vixilante dos soños, de Ubú Teatro, dáse cita coa cativada para compartir a historia de Sonólicus, un neno que dorme ben pegadiño á fiestra para ver a lúa. Será nos concellos Pobra do Caramiñal, Pontedeume, Vedra, Ribas de Sil, Celanova, Xunqueira de Espadanedo, A Cañiza, Cuntis, Pazos de Borbén e Ponte Caldelas.

Cos merlos do amencer é unha nova proposta musical arredor de Suso Vaamonde e Celso Emilio Ferreiro, que chega da man de Senén Vaamonde, de Alfredo Dourado (A Roda) e de Manuel Dopico aos concellos de Bóveda, San Cristovo de Cea, Ordes, Ribadumia, Dodro, Cabanas, Guntín e Toén.

Os avós e as avoas como transmisores de lingua e cultura galegas son obradoiros arredor da transmisión interxeracional da lingua, dirixidos tanto aos avós coma aos seus fillos e netos, que chegan a Vila de Cruces (Fundación Paco Lareo - A Solaina de Piloño), Ribeira, Valga, Abegondo, A Estrada, Mondoñedo, Forcarei e Castro Caldelas. Finalmente, ofrécese un Concerto de Nadal, con María do Ceo, nos concellos de Fene, Oia e O Pereiro de Aguiar.

Toda a información sobre o programa e calendario de actividades no Portal da Lingua Galega, nas rede sociais do programa e na Axenda de Cultura de Galicia.
 

Imaxes relacionadas