Estratexia galega de saúde comunitaria en atención primaria 2023-2027

Con esta estratexia preténdese, por un lado, facilitar o deseño e implementación de intervencións comunitarias aos profesionais de primaria que se inicien neste ámbito, e, por outro, impulsar as que xa se viñan realizando. Todo iso, co obxecto de influír positivamente no estilo de vida e nos determinantes sociais da cidadanía galega.

A saúde comunitaria é unha liña de traballo prioritaria da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, como xa se reflectiu no “Plan galego de atención primaria 2019-2021”, no que se recollía o obxectivo de implantar a acción comunitaria como unha actividade normalizada nos centros de saúde. No documento estratéxico “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”, púxose de manifesto a necesidade de reforzar o actual modelo de saúde comunitaria desenvolto na atención primaria a través dos plans locais de saúde.

A orientación comunitaria da atención primaria trae consigo un cambio de paradigma que supón a evolución dunha atención sanitaria centrada na enfermidade a outra centrada nas persoas e no seu contexto social. Así, moitos dos problemas de saúde que afectan á poboación teñen a súa orixe nos determinantes sociais, e fronte a eles o máis efectivo é unha abordaxe intersectorial e multidisciplinar, a través de intervencións comunitarias que teñen un alto impacto sanitario e social.

A primeira das liñas estratéxicas recollidas neste documento é reforzar a estrutura organizativa da saúde comunitaria,  implementando as medidas organizativas necesarias para promover a orientación comunitaria dentro da actividade habitual da atención primaria. A segunda das liñas é facilitar ferramentas e recursos para a atención comunitaria.

A terceira liña céntrase en desenvolver os tres niveis de orientación comunitaria (educación sanitaria do paciente, dun grupo de pacientes, e da poboación en xeral) cun enfoque de equidade. En cuarto lugar, téntase impulsar a innovación e o coñecemento en saúde comunitaria, favorecendo a investigación e difusión de resultados para a súa mellora continua.

 

Data de aprobación no Consello da Xunta: 29/06/2023