Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030

A Xunta, a través do novo plan de linguas 2030, inxectará 83 M€ no sistema educativo en catro anos para accións de alto impacto e especialización na aprendizaxe de idiomas.

Edulingüe 2030 supón a continuidade e a consolidación dos programas de éxito levados a cabo na última década, que, ademais, inclúen novos retos de calidade vinculados á inclusión e á innovación educativa e á internacionalización, artellados en dez liñas de acción específicas.

Unha das liñas máis salientables é o reforzo dos programas de inmersión lingüística activa, coa maior oferta de estadías feita ata o de agora, que lle permitirá ao alumnado unha formación integral -académica, cultural e social- de enriquecemento persoal e de oportunidades de futuro. 

Outra das apostas para a próxima década é o reforzo da certificación de competencias lingüísticas dirixido ao alumnado e ao profesorado. Isto é, que teñan a oportunidade de acreditar os coñecementos adquiridos. Neste senso, a estratexia recolle un programa intensivo de certificación e acreditación de competencias no Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas, do cal se poderá beneficiar o cen por cento do alumnado dos centros plurilingües, así como o profesorado que imparte as materias.

O plan inclúe, por primeira vez, unha liña específica de programas de boas prácticas baixo a filosofía de compartir para mellorar. Isto é, que os centros punteiros do sistema en materia de aprendizaxe lingüística poidan compartir as súas prácticas docentes de xeito que beneficie o conxunto do sistema. 

Data de aprobación do plan no Consello da Xunta: 04/11/2021