Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia

A Estratexia en materia de mobilidade alternativa en Galicia é o documento de base sobre o que se desenvolve a política en materia de mobilidade de peóns e ciclistas non deportivos na rede de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, constituíndo o documento a partir do cal se definen as prioridades de investimento nesta materia.

Trátase dunha iniciativa que aliña os obxectivos establecidos pola Unión Europea no marco da súa estratexia para un desenvolvemento sustentable, que no ámbito da mobilidade persegue o desenvolvemento duns sistemas de transporte que reduzan ao mínimo as repercusións sobre o medio ambiente e os seus impactos sociais e económicos; coas posibilidades que abre a nova lei de estradas de Galicia, de optimizar o espazo viario para permitir non só o fluxo de vehículos, senón tamén para complementalo coa posibilidade de dotalo dun espazo para a circulación peonil e ciclista.

O fomento dos modos non motorizados alternativos ao coche constitúe a liña prioritaria de traballo para o logro da devandita meta, sendo o peón e a bicicleta os actores fundamentais do cambio necesario da mobilidade cara a pautas de maior sustentabilidade, tanto no ámbito urbano, como no interurbano.

Os modos non motorizados son os máis eficientes para distancias de ata sete quilómetros, resultando a maior parte dos desprazamentos que realiza a población a diario, son ao redor desta lonxitude. O tope de rango de distancias asumible para a mobilidade cotiá en bicicleta adoita estar nuns 12 quilómetros, sendo un percorrido de 7 quilómetros o máis habitual. En canto á mobilidade cotiá peonil, o tope adoita estar nuns 4-5 quilómetros, sendo as distancias da orde de 2 quilómetros as máis habituais.

Preténdese así que os modos non motorizados constitúan unha peza esencial no sistema de transportes á que hai que dotar das condicións adecuadas, así como integrar de maneira eficaz co resto de modos.

Os fins que se buscan á hora de realizar “A Estratexia en Materia de Mobilidade Alternativa en Galicia”, son os seguintes:

  • favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores.
  • fomento de estratexias de redución do carbono para todo tipo de territorio, especialmente as zonas urbanas, incluído o fomento da mobilidade urbana multimodal sustentable e as medidas de adaptación con efecto de mitigación.
  • medidas de apoio ao desenvolvemento da mobilidade urbana e interurbana sustentable: mediante sendas ciclistas e peonís.

Deste xeito, no presente documento realízase unha completa análise da situación actual da Comunidade Autónoma neste ámbito, valóranse as necesidades e demandas potenciais e identifícanse unha serie de áreas xeográficas nas que se propón o desenvolvemento de estudos a nivel comarcal a partir das conclusións obtidas.

Esta estratexia desenvólvese en estratexias comarcais, que servirán como documento de planificación para o desenvolvemento das actuacións en materia de mobilidade alternativa na referida comarca. Asi, actualmente cóntase con estratexia para a comarca do Salnés, de Santiago, Vigo, Ferrol, Bergantiños, A Coruña e da Terra Chá.

Por último, cómpre sinalar que o Plan Operativo FEDER 2014-2020 inclúe no obxectivo específico OE 4.5.1 o fomento da mobilidade urbana sostible, mencionando específicamente o transporte ciclista peonil, proporcionando a financiación para a execución das sendas contidas nas correspondentes estratexias. 

Data de aprobación do plan: 09/03/2016