Plan de inspección de servizos sociais de Galicia para o ano 2022 e a avaliación do ano 2021

Plan de inspección de servizos sociais para o ano 2022 sobre todas as entidades, centros, programas e servizos que desenvolven actividades de servizos sociais na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, inclúese a avaliación da actividade de inspección no devandito ámbito no ano 2021.

  • O Plan de inspección para o ano 2022 segue unha liña coherente coas actuacións priorizadas nos últimos anos, e elaborouse logo de consultar aos centros directivos da Consellería de Política Social e tendo en conta o resultado da avaliación do ano 2021.
  • O plan recolle as liñas estratéxicas e específicas de actuación para o ano 2022 nas áreas de familia e menores, maiores, discapacidade e dependencia, e inclusión e servizos comunitarios, así como a metodoloxía empregada para a súa consecución.
  • Reforzarase a cooperación e coordinación administrativa con outros órganos de todas as Administracións co obxecto de dar unha resposta integral ás demandas da cidadanía en canto a inspección de servizos sociais.
  • Increméntase o número de inspeccións previstas con respecto ao ano 2020, especialmente na área de centros residenciais de maiores.
  • No plan están previstas 1.574 inspeccións, diferenciadas por áreas, garantíndose a inspección dunha elevada porcentaxe dos centros residenciais de maiores, de discapacidade, de atención á infancia e de inclusión e o 100% dos centros de menores e de igualdade.
  • Incidirase tamén no seguimento das actividades doutros centros e programas como os puntos de encontro familiar, ou as empresas que prestan o servizo de axuda no fogar. Tamén serán obxecto de seguimento os contratos e convenios realizados pola Consellería de Política Social con entidades privadas e as axudas e subvencións concedidas ás persoas en situación de dependencia e en risco de exclusión social.
  • Á hora de programar as visitas de inspección, incidirase nos centros sancionados anteriormente, ou con denuncias reiteradas das cales se verificaron aspectos susceptibles de mellora, así como naqueles que levan máis tempo sen inspeccionarse.
  • Así, tamén se inspeccionarán o 100% dos expedientes que se soliciten dende os centros directivos respectivos, relativos a casas niño, casas do maior e aos programas de atención temperá.
  • Dentro das actividades recollidas no plan, reforzaranse os labores de información e asesoramento ás entidades para o cumprimento da normativa vixente no relativo á posta en marcha de servizos, centros ou programas e ao adecuado funcionamento destes, así como as liñas estratéxicas de actuación baseadas na garantía dos dereitos das persoas usuarias, a calidade e a formación.
  • Ao longo do ano 2022 impartirase un curso de inspección de servizos sociais para o desenvolvemento da función inspectora.

Avaliación e seguimento

O texto recolle a avaliación do aprobado o ano anterior e no próximo plan de inspección incluirase a avaliación deste.  

 

Data de aprobación no Consello da Xunta: 24/1/2021