Plan de acción da paisaxe da Ribeira Sacra

Un dos valores que a acción do Goberno está a defender con máis decisión é a protección da paisaxe de Galicia. Esta actuación enmárcase dentro do Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, impulsado no ano 2019 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co fin de promover un total de 10 actuacións ambientais e de ordenación do medio físico cun orzamento de 3,5 millóns de euros para mellorar e poñer en valor este territorio, reforzando así a súa candidatura a Reserva da Biosfera.

Estamos ante o primeiro Plan de acción da paisaxe, o cal se enmarca á súa vez dentro das actuacións que acompañaron á candidatura da Ribeira Sacra a Reserva da Biosfera. O carácter pioneiro desta iniciativa permitirá non só acadar os seus específicos obxectivos de mellora da paisaxe, senón ademais fundamentar o inicio doutras actuacións semellantes, mediante as cales se avance na consecución dos obxectivos de calidade paisaxística para Galicia, que quedaron expresados nas Directrices de paisaxe. O Plan de acción da paisaxe que se vai desenvolver e executar discorre polo territorio de dous itinerarios de interese paisaxístico con valores panorámicos que transcorren maioritariamente na AEIP-05-03 Ribeira Sacra:

16. Chantada - Ponte Nova dos Peares.

17. Monforte de Lemos - Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (no tramo que conecta Cristosende co Mosteiro de Santo Estevo).

As actuacións que pretenden desenvolver neste Plan da paisaxe da Ribeira Sacra son:

  • Nova sinalización: retirada da sinalización antiga, deteriorada e fóra de uso coa implantación dunha nova adaptada ao entorno con materiais, cores e xeometrías ou formas.
  • Revexetación: erradicación das plantas invasoras e revexetación con especies autóctonas.
  • Deseño da nova imaxe da Ribeira Sacra.
  • Mellora da información aos/ás visitantes mediante elaboración das guías cos itinerarios.

A Xunta transmite con este tipo de actuacións a cooperación interadministrativa, a eficacia e eficiencia na xestión dos recursos públicos e a mellora da paisaxe do territorio galego cunha achega de 130.000,00 euros para os anos 2021-2022.

 
Data de publicación no DOG: 3/9/2021