Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2019-2021

A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso cos mozos e mozas galegos/as e ten claro o seu obxectivo de mellorar as oportunidades do presente para a xuventude, pero tamén, o de construír para elas e eles un escenario de futuro sólido que fomente a súa empregabilidade e capacitación. Para iso apostamos por elaborar políticas transversais e integrais que dean resposta ás necesidades e demandas da xuventude.

O Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2019-2021 contribúe a desenvolver a finalidade das políticas públicas dirixidas á mocidade: mellorar a calidade de vida da xente nova, especialmente a través do acceso á información en materia xuvenil e mediante a participación activa dos mozos e das mozas no desenvolvemento sustentable, económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Plan suporá un investimento aproximado durante a súa vixencia de 378 millóns de euros, para atender as necesidades, prioridades e inquedanzas da mocidade galega e pretende ser a folla de ruta que  guiará as accións que se desenvolverán neste ámbito nos próximos anos, co fin de afrontar os retos e desafíos da xuventude galega da vindeira década. 

O plan ten 5 ámbitos prioritarios de actuación:

  • xuventude, emprego e emprendemento
  • xuventude e medio rural
  • xuventude e Xacobeo 2021
  • xuventude, talento e creatividade
  • xuventude e formación
  • xuventude e participación

Conta con 12 eixes de acción, cun obxectivo estratéxico cada un e un total de 125 medidas enmarcadas neses eixes.

A súa elaboración foi resultado dun proceso participativo que contou co impulso da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, a contribución de todos os seus departamentos e a participación social das persoas novas e os axentes que traballan con e para elas.