Plan de Abastecemento de Galicia - Plan Auga

O Plan Auga é una ferramenta de xestión e ordenación do abastecemento acorde ás novas tendencias e requisitos establecidos principalmente pola Directiva Marco da Auga e polo Real Decreto 140/2003 polo que se definen os criterios sanitarios de calidade da auga de consumo humano.

O Plan é una ferramenta básica para garantir a subministración de auga de calidade e cantidade axeitada a todos os núcleos de poboación permanente (censada) con máis de 50 habitantes. Os escenarios propostos para lograr os obxectivos corresponden aos anos 2015 e 2025. A súa aplicación ten unha incidencia directa no estudo de demandas reflectido no Plan Hidrolóxico.

As medidas previstas permitirán planificar as infraestruturas de captación, regulación, transporte, tratamento e distribución necesarias para corrixir as situacións de infradotación de caudais.  Garantirase así a subministración, mesmo en período de seca, e o tratamento de augas para adecuar a súa calidade aos requisitos da normativa vixente.

O plan baséase nos seguintes principios:

  • Compromiso cunha utilización sostible dos recursos.
  • A auga non é un ben comercial senón un patrimonio a protexer.
  • Cumprimento estrito da lexislación presente e futura.
  • A necesidade de transformar o concepto de consumo de auga e transmitir ao usuario a idea de ciclo da auga.
  • Unha responsabilidade compartida, na que todos os axentes sociais deben ser partícipes das solucións a adoptar.
  • Fomento da educación e toma de conciencia para lograr un desenvolvemento sostible.
  • Subministración de auga con alta garantía en cantidade e calidade, tanto no medio rural coma no medio urbano.

Os obxectivos fundamentais do plan son os seguintes:

  • Garantir as necesidades actuais e futuras de abastecemento de auga potable a tódolos núcleos de poboación superior a 50 habitantes de Galicia.
  • Planificar as infraestruturas de captación, regulación, transporte, tratamento e distribución necesarias para corrixir as situacións de infradotación de caudais, garantindo o subministro incluso en períodos de seca.
  • Planificar o tratamento das augas para adecuar a súa calidade ós requisitos da normativa sanitaria vixente.
  • Planificar as infraestruturas necesarias de interconexión entre sistemas de abastecemento, coa fin de que os recursos estean á disposición do máximo número de usuarios.
  • Propor medidas dirixidas a unha xestión máis eficaz e eficiente dos sistemas de abastecemento.
  • Propor instrumentos e medidas para fomentar o uso racional e aforrativo da auga.
  • Ordenar, elaborar e tratar adecuadamente a información obtida, e dispor das ferramentas informáticas necesarias para xestionar as inversións futuras en infraestruturas de abastecemento.