Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia)

Estratexia para a investigación e innovación en Galicia baseada no concepto de Especialización Intelixente e na que, a través dun amplo proceso participativo de reflexión e de consenso, identificáronse as áreas nas que Galicia debería especializarse e concentrar os recursos dispoñibles para asegurar a eficiencia dos esforzos en materia de I+D+i.

Para o período 2014-2020 a Comisión Europea apostou por un novo mecanismo na definición das políticas rexionais de investigación e innovación na procura da máxima eficiencia e eficacia do investimento en I+D+i, solicitando ás autoridades nacionais e rexionais de toda Europa a preparación de estratexias de especialización intelixente: RIS3 (Research and Innovation Strategies). Estas estratexias identifican as áreas prioritarias nas que cada rexión decide especializarse e concentrar o investimento e son unha condición previa para a aprobación dos Programas Operativos de Fondos Estruturais do período 2014-2020.

A definición da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia estivo coordinada pola Axencia Galega de Innovación seguindo as directrices da Comisión Europea e contou coa participación de todos os departamentos da Xunta de Galicia e dos axentes do Sistema Galego de Innovación, dentro dun proceso que destacou especialmente pola súa ampla participación. A raíz deste proceso chegouse a unha visión compartida de futuro para Galicia: “consolidar a economía galega para o ano 2020 nunha senda socialmente recoñecible cara a mellora do crecemento e a competitividade en base á transformación do modelo produtivo dende un modelo de intensidade tecnolóxica medio-baixa das actividades produtivas, a un modelo caracterizado por unha intensidade tecnolóxica medio-alta, mediante a absorción das Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais (TFE) por parte dos sectores arraigados, e o posicionamento da rexión como referente no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados co envellecemento activo e a vida saudable.”

Esta visión plásmase en 3 retos e dentro de cada un diversas prioridades:

Reto 1: Novo modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseado na innovación
Reto 2: Novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento
Reto 3: Novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación

Para acadar estes retos establecéronse catro principios reitores que para as actuacións de execución da Estratexia, en correspondencia dos cales se articulan os 4 programas que agrupan os 20 instrumentos planificados:

1. PEMES innovadoras para ser máis competitivas - Programa Peme Innova
2. Investimento público para atraer investimento privado - Programa Innova en Galicia
3. Promoción da transferencia de investigación ao mercado - Programa Galicia Transfire
4. Oportunidades para a investigación e o talento emprendedor - Programa Emprendemento Innovador

Así mesmo, definiuse un marco financeiro multifondo cun orzamento para o período 2014 -2020 de 1.624 Millóns de Euros, así como unha estrutura de xestión e un sistema de avaliación para acadar os obxectivos establecidos na RIS3. A RIS3 Galicia presentouse en marzo de 2014 obtendo a aprobación do Consello da Xunta e tamén da Comisión Europea.

En síntese, a RIS3 Galicia é un plan de futuro para xerar benestar e emprego, para ser máis eficientes e sostibles e para competir mellor no exterior.

Ligazóns relacionadas