Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (RIS3T)

A Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (RIS3T) é a primeira RIS3 transfronteiriza da UE. Esta ferramenta permitirá xerar crecemento económico, emprego de calidade e benestar social impulsando conxuntamente fortalezas e retos comúns na Eurorrexión.

A nova Política de Cohesión 2014-2020 aposta pola Especialización Intelixente como enfoque estratéxico para impulsar o desenvolvemento económico a través dun apoio máis eficiente e eficaz á investigación e a innovación. Apóstase, deste xeito, pola concentración dos recursos dispoñibles nun número limitado de prioridades ligadas ás oportunidades reais do contexto económico rexional para provocar unha especialización económica das rexións competitiva no contexto global. En liña con esta orientación, a Comisión Europea solicitou ás distintas rexións de toda Europa a preparación de estratexias de especialización intelixente rexionais: RIS3 (Research and Innovation Strategies).

Por outra banda, a colaboración transrexional, moi especialmente se ten unha base transfronteiriza, permite unha maior eficacia e alcance das ferramentas de políticas de innovación que poden ser postas en marcha polas rexións no marco das súas RIS3, polo que Galicia e a rexión Norte de Portugal decidiron ir máis aló e elaboraron unha RIS3 transfronteiriza conxunta (RIS3T).

No proceso de elaboración da RIS3T, coordinado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDRN), adaptouse de forma innovadora a metodoloxía da Comisión Europea para as RIS3 rexionais ó caso da RIS3T, converténdose esta na primeira Estratexia de Especialización Intelixente transfronteiriza. Contando coa participación de empresas e centros de coñecemento de ambas rexións, identificáronse seis retos comúns á Eurorrexión no ámbito da innovación:

o aproveitamento da enerxía procedente da biomasa e do mar;
potenciar a competitividade das industrias agroalimentaria e biotecnolóxica;
industria 4.0;
competitividade das industrias de mobilidade;
modernización das industrias turísticas e creativas, tamén mediante as TIC;
solucións avanzadas para a vida saudable e envellecemento activo.

A RIS3 Ten como obxectivo dinamizar a participación da Eurorrexión nas convocatorias europeas de cooperación interterritorial, e tamén constituirá o marco para poñer en marcha accións e proxectos coordinados capaces de competir con maior éxito na captación de financiamento procedente do Programa Horizonte 2020.

En conxunto, a RIS3T aspira a mobilizar 360 millóns de euros en proxectos de innovación da Eurorrexión até 2020.

 

Data de actualización: 31/5/2014

Ligazóns relacionadas