Estratexia Galega de Convivencia Escolar

A Estratexia de convivencia escolar en Galicia 2015-2020 é o documento de traballo no que se trazan as liñas xerais da convivencia escolar para o próximo lustro. Foi presentado ao Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia o 24/04/15.
 

Se por convivencia escolar se entende a capacidade que teñen as persoas de vivir con outras nun marco de respecto mutuo e de solidariedade recíproca, expresada na interrelación harmoniosa e sen violencia entre os diferentes sectores da comunidade educativa, é fácil entender os argumentos para a elaboración desta Estratexia de convivencia escolar en Galicia 2015-2020.

A pesar de que a Estratexia nace cunha vocación totalmente proactiva, isto non significa que non incorpore estratexias reactivas, estratexias para tratar educativamente aquelas incidencias ou condutas contrarias a unha convivencia pacífica.

Se ben é certo que en Galicia, falando en termos cuantitativos, as condutas contrarias á convivencia non ofrecen uns valores alarmantes en comparación con outras comunidades autónomas, non é menos certo que unha soa incidencia contraria a unha convivencia pacífica representa unha significativa preocupación para a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Por todo iso, enténdese necesario trazar as liñas xerais da convivencia escolar para todo un lustro, de xeito que, partindo dun coñecemento real da convivencia no momento actual, 2015, se poñan en marcha diferentes accións que fagan posible a ensinanza da convivencia, para chegar ao final da etapa para a que se deseña a Estratexia, 2020, cun alumnado totalmente competente desde os puntos de vista social e cívico.

A Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, e o Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, que a desenvolve, achegan os aspectos clave que deben considerarse na abordaxe da convivencia escolar, con especial referencia ao plan de convivencia que debe elaborar cada centro educativo.

Con eses marcos normativos como referencia, esta Estratexia de convivencia escolar en Galicia 2015-2020 pretende contribuír, a través dos obxectivos e das actuacións dos seus cinco eixes, a que o alumnado, en particular, e a sociedade, en xeral, saiba vivir e comportarse, de xeito pacífico e comprometido, na sociedade tecnificada deste primeiro cuarto do século XXI.

Os eixes principais nos que asenta esta Estratexia son os seguintes:

Diagnose e seguimento da convivencia escolar
Formación, investigación e mellora da calidade en materia de convivencia escolar
Apoio aos centros e á comunidade educativa
Vertebración das iniciativas e accións comunitarias encamiñadas á mellora da convivencia escolar
Xestión e abordaxe de condutas contrarias ás normas de convivencia

 

Data de actualización: 5/5/2015