Smart Turismo - Plan de desenvolvemento das TIC no eido do Turismo

Smart Turismo xurde da necesidade de que a innovación e a tecnoloxía sexan os factores vertebradores e eixes da modernización do sector turístico de Galicia, xa que este é un sector con capacidade de se converter nun dos motores do desenvolvemento económico, creación de emprego e crecemento económico.

A Xunta de Galicia presentou, a través da Axencia de Turismo, o Plan Integral de Turismo de Galicia, que se desenvolve cunha visión 2020, aliñado co Plan Estratéxico de Galicia 2010-2014, coa Estratexia Europa 2020, así como cos documentos preparatorios da Estratexia de Especialización Intelixente Galega (RIS3), e establece liñas de acción concretas de 2014 ata o 2016. O Plan establécese e desenvólvese cunha visión a longo prazo, imprescindible para poder acadar un sector sólido e sostible no tempo. Esta visión xorde dun proceso de elaboración coa participación de todo o sector.

No tocante ao sector das novas tecnoloxías, a Administración pública de Galicia ten nel un dos sectores estratéxicos para a recuperación económica da Comunidade Autónoma. Neste contexto ten por marco de referencia a 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que ten por obxectivo plasmar o potencial social e económico das TIC coma peza chave que axude a converter a economía actual nunha economía intelixente, sustentable e integradora, cun alto nivel de emprego, cohesión social e territorial no horizonte de 2014.

Tamén fai fincapé no obxectivo de pasar dunha sociedade que emprega as TIC a unha sociedade que se sirva das novas tecnoloxías para xerar crecemento sostible, para mellorar as cotas de participación na toma de decisións e para contribuír á súa calidade de vida sobre a base do coñecemento.

Obxectivos estratéxicos

Neste marco, xurde o Plan de desenvolvemento das TIC no eido do Turismo, coa misión de contribuír á modernización e competitividade do sector a través dunha plataforma tecnolóxica que sexa quen de modernizar as infraestruturas da Axencia; establecer mecanismos estables de relación, comunicación e colaboración co sector; axudar a cumprir os obxectivos en canto á promoción e comercialización do produto turístico; e facilitar a análise e toma de decisións por parte dos xestores.

Os obxectivos estratéxicos que se marcan no Plan son:

Afondar na evolución do sector turístico cara un modelo máis competitivo, participativo e innovador que motive a corresponsabilidade entre os axentes: Administración, sector empresarial e profesional e o propio viaxeiro ou turista.
Transformar a conceptualización do destino Galicia adecuando e renovando as estratexias de promoción, comercialización e acollida seguindo as novas tendencias e pautas de consumo turístico de acordo coas novas ferramentas e servizos de promoción, comercialización e fidelización.
Aliñar a tecnoloxía cos obxectivos estratéxicos da Axencia nas súas labores de ordenamento, procura da calidade turística, dinamización e cooperación co sector, vertebración e equilibrio territorial, diversificación da oferta e desenvolvemento sostible.

 

Fecha de actualización: 15/4/2015