Plan de Axilización Administrativa 2014-2016 (Plan Achega)

Un plan que pretende alcanzar un máximo grao de achegamento da administración á cidadanía, unha administración máis eficaz e que garanta que as relacións da administración cos cidadáns e empresas sexan simples, áxiles e rápidas.

As administracións públicas teñen ante si o reto de facilitar aos cidadáns e ás empresas un acceso aos servizos públicos áxil, sinxelo e cos menores custos posibles. Son dúas as claves para conseguilo:

A modernización das administracións, facilitando o acceso electrónico do cidadán aos servizos públicos.
A simplificación da tramitación administrativa, eliminado e reducindo obrigas innecesarias ou redundantes, e axilizando as relacións entre a administración e o administrado.

Con este compromiso, o 27 de xaneiro de 2014 publicouse a Lei de racionalización do sector público autonómico, cuxo obxectivo fundamental é a racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, así como a adopción de medidas dirixidas a unha maior eficiencia do gasto e á mellora da xestión do sector público autonómico. Unha decidida aposta pola racionalización, a simplificación e a procura dunha Administración mais útil para todos.

Neste contexto xorde o Plan de Axilización Administrativa 2014-2016 (Plan Achega). Un plan que, mediante o establecemento e implantación dunha serie de metas, pretende alcanzar un máximo grao de achegamento da administración á cidadanía, unha administración máis eficaz e que ofreza menos cargas para os nosos cidadáns e empresas. En definitiva, garantir que as relacións da administración cos cidadáns e empresas sexan simples, áxiles e rápidas. Para acadar estes obxectivos, as novas tecnoloxías e os medios electrónicos xogan un papel fundamental para gañar en axilidade, en redución de cargas administrativas e en supresión de solapamentos e redundancias.

O plan incorpora unha serie de actuacións a desenvolver de forma inmediata e no marco temporal 2014-2016, que levarán:

A potenciación da sede electrónica da Xunta de Galicia mediante a culminación do proceso de incorporación na sede electrónica de todos os procedementos administrativos que a administración galega pon a disposición da cidadanía na guía de procedementos e servizos.
A redución dos trámites administrativos e da documentación requirida, e no seu caso, a supresión dos mesmos cando sexan innecesarios. E isto posto que a racionalización administrativa debe ser o punto de arranque para que a documentación que actualmente se ve obrigado a presentar o cidadán se vexa reducida ao imprescindible.
A redución dos tempos de resolución dos procedementos, que será a clave para unha maior celeridade e axilidade da acción administrativa, situando ao cidadán como centro da súa actividade e satisfacendo as súas demandas nun menor prazo de tempo.
A elaboración dun novo regulamento que supere o existente, que avance na simplificación documental na tramitación dos procedementos administrativos, co obxecto de reducir as cargas administrativas, evitar duplicidades e solapamentos, axilizar a actuación administrativa e mellorar a prestación de servizos públicos.
 

Data de actualización: 2/5/2015