Plan Integral de Apoio á Muller Embarazada 2012-2014

Como resultado dunha iniciativa lexislativa popular, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, explicitando a obriga de redactar este Plan Integral de Apoio á Muller Embarazada.  O plan responde, así, ao obxectivo de artellar un abano de recursos, medidas e axudas públicas que aseguren protección e un clima favorable ás mulleres xestantes en Galicia.

A Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, publicada no Diario Oficial de Galicia do 6 de xullo de 2010, establece na súa Disposición adicional primeira que a Xunta de Galicia, máis concretamente os departamentos competentes en materia de sanidade, educación, vivenda, transportes, emigración, traballo, benestar e igualdade, elaborarán, no prazo dun ano, un plan integral de apoio á muller embarazada que inclúa as oportunas accións e obxectivos para facer realidade a existencia da rede de apoio que se recolle na dita lei e que implique poñer a disposición da muller embarazada recursos de tipo sanitario, social, educativo e de calquera outro, tanto públicos como privados, que permitan axudar a levar a bo termo os embarazos.

Para dar cumprimento á obriga de elaborar o Plan integral de apoio á muller embarazada constituíuse unha comisión de traballo integrada por representantes dos departamentos competentes en materia de sanidade, educación, familia e benestar, dependencia e autonomía persoal, xuventude, emigración, vivenda, mobilidade e igualdade, coordinados pola Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia, tendo lugar a xuntanza inicial o día 29 de xullo de 2010 , na que se presentou un documento resumo de compromisos da lei, actuacións e departamentos responsables.

A partir deste momento iniciáronse os traballos para a elaboración do Plan integral de apoio á muller embarazada, baixo as seguintes premisas:

Prioridade das mulleres embarazadas en todas as axudas de carácter social xa postas en marcha desde a administración autonómica –igualdade, familia, dependencia, vivenda, educación, etc.
Esforzo na información sobre os programas e recursos existentes.
Atención específica aos colectivos máis desfavorecidos ou con máis dificultades: mulleres inmigrantes, mulleres con discapacidade, etc.

Obxectivos e medidas de actuación

A estrutura do Plan integral de apoio á muller embarazada defínese tendo en conta o establecido na Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, e tendo en conta o principio de transversalidade como criterio xeral de actuación. Os obxectivos xerais do Plan estrutúranse nas seguintes áreas de actuación e obxectivos xerais:

Área de actuación “Información”

Promover accións dirixidas ao desenvolvemento integral das persoas e contribuír á reflexión e aprendizaxe fomentando as relacións de respecto, bo trato, equidade e corresponsabilidade.
Favorecer que a nai decida libremente respecto a continuar co embarazo e garantir a confidencialidade nos casos de decisión de renunciar ao seu fillo/a.
Informar sobre medidas para facilitar a continuidade de estudos do alumnado nesta situación.
Promover o coñecemento sobre as causas de situacións de vulnerabilidade social no caso das mulleres e apoiar o desenvolvemento de recursos especializados, prestando tanto asistencia básica como recursos integrais.
Prestar información e asesoramento sobre os dereitos das mulleres xestantes e, se é o caso, das súas parellas.
Sensibilizar ao sector do transporte sobre a necesidade de adaptación do transporte público ás necesidades no uso deste transporte das mulleres xestantes.

Prioridade para acceder ás axudas ou programas de actuación

Facilitar un servizo socioeducativo que favoreza a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
Proporcionar aos pais/nais os medios necesarios para un desenvolvemento integral das súas funcións.    
Adoptar medidas que faciliten o acceso do alumnado ás prestacións, axudas e programas favorables ao seu desenvolvemento persoal e educativo.
Atender ás necesidades das familias monoparentais.
Considerar a vida en formación como un membro máis da unidade familiar para o acceso a axudas, servizos e recursos.
Promover a participación e a promoción das mulleres xestantes e/ ou con fillos/as menores para evitar a súa exclusión e potenciar a súa autonomía.
Promover servizos facilitadores da conciliación.

Asistencia específica para mulleres xestantes menores de idade

Ofrecer apoio psicopedagóxico e intervención co alumnado e coas familias do alumnado nesta situación.
Ofrecer información sobre as posibilidades que ofrece o sistema educativo en materia de escolarización en xeral.

Asistencia específica para mulleres xestantes que se atopen cursando estudos

Ofrecer información e formación específica sobre os recursos existentes no contexto educativo para atención ás familias do alumnado nesta situación.

Asistencia específica para mulleres xestantes con discapacidade ou con incapacidade xudicial

Garantir a accesibilidade das persoas con discapacidade aos servizos sanitarios desde unha perspectiva de atención integral.

Asistencia específica para mulleres xestantes inmigrantes

Facilitar a integración social das mulleres inmigrantes e retornadas que se atopen en situación de especial vulnerabilidade.

Integración familiar

Promover a adopción de menores tutelados pola Xunta de Galicia e promover o acollemento familiar para aqueles menores que temporalmente non poden convivir coa súa familia biolóxica.

Rede de apoio á muller embarazada

Crear unha rede de recursos e servizos de atención e apoio ás mulleres e ás súas parellas no período de embarazo, preparto, posparto, lactación e crianza a través do voluntariado.