Plan de enogastronomía de Galicia

Este plan ten como obxecto fundamental definir as estratexias e accións que impulsen o produto gastronómico e o enoturismo en Galicia, impulsando a competitividade deste sector e desenvolvendo produtos turísticos de calidade baseados na identidade do territorio e vinculados á súa tradición culinaria.

Para a realización do Plan de enogastronomía de Galicia analizouse todo o potencial turístico da gastronomía e os viños, o territorio galego e a súa realidade, así coma todas as oportunidades que brinda o mercado.

O turismo enogastronómico posúe un enorme potencial en Galicia á vista dos seguintes datos:

  • En Galicia podemos contar coa maior variedade de produtos do mar do mundo e somos o primeiro produtor e consumidor español de peixe.
  • A nosa gastronomía conta con 5 Denominacións de Orixe Vitivinícolas Protexidas.
  • En Galicia existen 841 industrias agroalimentarias: adegas de augardentes e licores, industrias cárnicas e exquisitos queixos. Contamos con 5 Rutas do Viño, que teñen 108 adegas visitables.
  • En Galicia hai 10 restaurantes con Estrella Michelin e 18 distinguidos con Soles Repsol.
  • Contabilízanse máis de 300 festas gastronómicas que impulsan o sector turístico e promocionan os produtos con indicación de calidade.
  • A gastronomía é a segunda motivación despois da natureza que fai que os turistas elixan a nosa comunidade como destino.

Obxectivos xerais e específicos

Para acadar o obxectivo principal do Plan de enogastronomía de Galicia (impulsar a competitividade do turismo enogastronómico en Galicia, desenvolvendo produtos turísticos de calidade baseados na identidade do territorio e vinculados á súa tradición culinaria) definíronse unha serie de obxectivos xerais que pasan por:

  • Coñecer e analizar a situación e o potencial actual do turismo enogastronómico de Galicia, de tal forma que se permita a identificación de puntos fortes e débiles para aproveitar todas as posibilidades que a gastronomía e os viños ofrecen no territorio.
  • Definir as estratexias máis axeitadas que contribúan a un proceso de impulso e desenvolvemento futuro do produto ‘Turismo enogastronómico en Galicia’, favorecendo desa forma un maior fluxo de turistas, mellorando o posicionamento actual nos mercados e incrementando a competitividade con respecto a outros destinos.

Sinaláronse á súa vez, como obxectivos específicos:

  • Analizar os diversos traballos desenvolvidos polos distintos axentes públicos e público-privados implicados no turismo enogastronómico.
  • Identificar os proxectos enogastronómicos actuais e futuros máis relevantes.
  • Definir o mapa do turismo enogastronómico, identificando os recursos gastronómicos característicos de cada xeodestino e relacionándoo cos recursos e servizos turísticos complementarios máis relevantes.
  • Realizar unha análise de destinos competidores de Galicia, identificando as mellores iniciativas e mellores prácticas susceptibles de implantación no noso territorio.
  • Determinar o posicionamento actual de Galicia, en relación ao turismo enogastronómico.
  • Realizar unha aproximación á caracterización do perfil da demanda do turismo enogastronómico actual.
  • Detectar as deficiencias básicas do produto turístico enogastronómico no seu conxunto (imaxe de marca, promoción, gama de servizos ofertados etc.).
  • Definir as potencialidades para iniciar o proceso de planificación estratéxica no pulo do turismo enogastronómico.
  • Definir as estratexias de impulso do turismo enogastronómico en Galicia, definindo visión, posicionamento, obxectivos etc. o modelo de desenvolvemento turístico, mediante a definición da organización e xestión do produto, liñas estratéxicas e programas de actuación.
  • Definir a folla de ruta do turismo enogastronómico e os seus distintos produtos, establecendo accións concretas para o impulso desta modalidade turística.