Impulsa Ourense. Plan de axudas para proxectos empresariais

Impulsa Ourense é un proxecto posto en marcha pola Xunta de Galicia que contempla unha liña de axudas específicas á dinamización do tecido empresarial de Ourense e que está dirixido a empresas e emprendedores que teñan un proxecto empresarial de implantación nesta provincia.

Este programa apóiase no Plan estratéxico Ourense 2010, un instrumento de identificación dos grandes problemas e alternativas da provincia elaborado no ano 2001, que foi consensuado cos axentes económicos e sociais da provincia, e que está liderado pola Deputación de Ourense a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE). O Plan foi deseñado coa participación de varios grupos de traballo sectoriais e reuniu máis de 800 propostas diferentes. O consenso permitiu determinar os temas prioritarios e seleccionar 16 proxectos dinamizadores.

A Xunta de Galicia financiará a actualización deste Plan estratéxico, que se executará con base os eixes estratéxicos que xa contiña o documento de 2001: capitalización humana, competitividade e desenvolvemento empresarial, optimización dos recursos
naturais, centralidade na Eurorrexión galaico- portuguesa, e cohesión intraprovincial e articulación territorial.

O horizonte temporal de Impulsa-Ourense é de 6 anos, ata 2015. O desenvolvemento deste Plan será xestionado polo IGAPE a través dunha oficina de xestión, que estará situada na Delegación Territorial. Pola súa banda, a Dirección Xeral de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda encargarase de realizar un seguimento da aplicación do plan, para avaliar o impacto das medidas postas en marcha.

Ademais, e para favorecer desde un primeiro momento o investimento privado, poranse en marcha unha serie de medidas de apoio ao investimento. Os investimentos que se apoiarán durante este período transitorio afectarán o conxunto de sectores económicos e municipios da provincia de Ourense, á espera súa actualización e a determinación das novas prioridades e as correspondentes medidas.

Obxectivos

  • Potenciación dos sectores estratéxicos da economía da provincia
  • Impulsar actuacións emprendedoras de alto valor competitivo e produtivo
  • Fomentar a creación de emprego
  • Desenvolvemento do tecido socioeconómico da provincia como xeito de equilibrio territorial

Liñas de axuda

  • IG100 - Investimento empresarial superior a 500.000 euros
  • IG101 - Servizos avanzados intensivos en emprego

Nestas liñas, adoptaranse medidas de prioridade específica como:

  • Nos criterios de avaliación e selección de proxectos, o criterio de localización avaliarase co valor máximo para os proxectos que se desenvolvan nas provincias de Lugo e Ourense.
  • Para os proxectos de primeira implantación en Galicia, garántese unha axuda mínima do 20% do investimento subvencionable nos proxectos de investimento empresarial (IG100) e para proxectos de creación de establecementos que non sexan considerados de primeira implantación, ampliación, modernización ou innovación tecnolóxica, garántese unha axuda mínima do 15% dos custos subvencionables.
  • Nos proxectos de investimento empresarial (IG100), o investimento mínimo redúcese a 200.000 euros.