Plan integral de emigración 2011-2013

O documento estratéxico do Goberno galego sobre a emigración para o período 2011-2013 é unha proposta que busca centrar as bases de actuación da Xunta coas entidades galegas, os emigrantes e os seus descendentes, con vistas a fortalecer e estruturar de forma operativa á galeguidade no século XXI.

Dentro deste Plan integral de emigración 2011-2013, o Goberno de Galicia comprométese coas comunidades Galegas nunha procura común de solucións que dean novas oportunidades ás entidades galegas no exterior para, sumando esforzos, sendo xenerosos, con vocación de mellora constante e apoiándonos no gran reto que nos une como pobo, transformar esta galeguidade que afunde as súas raíces na nosa historia recente ata levantar cara ao alto nosos brotes máis recentes na procura constante do noso futuro como pobo aberto, peregrino, emigrante universal con múltiples fogares que senten Galicia.

O Plan estrutúrase a través de 5 áreas definidas, que son a atención socio-asistencial aos galegos residentes no exterior, a concepción e desenvolvemento da galeguidade, a sociedade do coñecemento na diáspora, xuventude e muller, e atención e planificación do retorno (que inclúe a redacción dunha Lei do Retorno). Establécense 13 liñas de actuación prioritarias, 36 programas a desenvolver, e 17 accións estratéxicas.

Eixos de actuación

Entre as trece liñas de acción prioritarias, destaca o mantemento e potenciación dos programas de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior; do Programa Reencontros; do de axuda socio-asistencial a galegos residentes no exterior en situación de precariedade a través de axudas directas a centros ou comunidades galegas no exterior; de actuacións en favor das comunidades galegas no exterior; ou o de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior.

Outras liñas son a intensificación dos programas de escolas abertas presenciais destinados a cidadáns galegos residentes no exterior; os seminarios de baile-música e cociña tradicional galega dirixido ás entidades galegas no exterior; os cursos preparatorios de lingua galega, para os niveis CELGA e de extensión cultural, destinados a galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia; programas de axudas e subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a realización de proxectos promovidos pola xuventude; e bolsas para cidadáns galegos no exterior coa fin de realizaren estudos universitarios oficiais e de formación profesional.

Finalmente, completan o paquete desas 13 medidas prioritarias establecidas no Plan Integral da Emigración 2011-2013 o programa de axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo (dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos/as que residan no exterior); as subvencións dirixidas a entidades galegas no exterior para realizar accións de información, orientación e asesoramento para emigrantes galegos/as con vontade de retornar; e as axudas extraordinarias a emigrantes e aos seus familiares.