III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017

O III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 incorpora un modelo de xestión orientado a resultados específicos en cada unha das liñas de actuación establecidas. Establece nove países prioritarios, Mozambique, Bolivia, Ecuador, Perú, República Dominicana, Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador; e define sete sectores de especialización: agricultura, pesca e acuicultura, educación, recursos hídricos, habitabilidade, auga e saneamento, saúde xeral e saúde reprodutiva.

O III Plan Director da Cooperación Galega (2014-2017) aspira a profundar no itinerario de modernización estratéxica definido no anterior Plan Director, poñendo en valor os aspectos cualitativos da cooperación galega desenvolvidos ao longo dos seus máis de vinte anos de historia.

Como criterio xeral e consonte aos principios de coordinación e complementariedade, o novo Plan Director adecuarase ás directrices establecidas no IV Plan Director da Cooperación Española 2013-2016.

O III Plan Director da Cooperación Galega basearase nos seguintes principios:

Maior concentración da axuda desembolsada a través da concentración dos esforzos da cooperación galega en prioridades xeográficas e sectoriais máis limitadas.
Especialización da cooperación galega con base nas súas vantaxes comparativas e poñendo ao servizo dos nosos socios de desenvolvemento a experiencia naqueles sectores máis afíns.
Maior eficacia e impacto das actuacións de cooperación a través da especialización xeográfica e sectorial e do aliñamento coas prioridades de desenvolvemento dos países e comunidades socias.
Maior eficiencia na xestión e na avaliación da cooperación promovendo unha cultura de aprendizaxe institucional no conxunto de actores galegos de cooperación.
Coordinación e complementariedade das actuacións da cooperación galega coas doutros actores estatais, subestatais e supraestatais.
Garantir a solvencia e sostibilidade financeira da cooperación galega a través da xeración de incentivos e prácticas de procura alternativa de financiamento público e privado, cunha atención especial á Unión Europea e outros organismos internacionais.
Promover a coherencia de políticas e incentivar a xeración de alianzas público-privadas co fin de facilitar o acceso ao financiamento internacional.
Consolidar a marca “Cooperación Galega” con base no valor engadido da cooperación que se fai desde Galicia.

Como novidade respecto aos plans anteriores, este plan director incorpora un modelo de xestión baseado nos resultados, é dicir, orienta os seus esforzos cara á consecución de determinados resultados específicos en cada unha das liñas de actuación establecidas.

Cómpre destacar que este plan terá un carácter máis estratéxico, con axudas con maior valor engadido, maior calidade e maior eficacia. Trátase, en definitiva, de que as axudas acaden un maior alcance e impacto nos ámbitos onde se apliquen e sexan capaces de xerar cambios positivos e sustentables a longo prazo nas condicións de vida das persoas nas comunidades e países socios con que traballa a cooperación galega.

Outros aspectos novidosos son a concentración xeográfica e a especialización da axuda naqueles sectores en que Galicia conta con valor engadido ou vantaxes comparativas e sobre os cales dispón de experiencia acreditada.

A cooperación galega concentrará os seus recursos en nove países prioritarios, que son Mozambique, Bolivia, Ecuador, Perú, República Dominicana, Guatemala, Honduras, Nicaragua e El Salvador. Todos eles absorberán un mínimo de entre o 75 e o 80 por cento dos recursos destinados pola Xunta á cooperación exterior.

Canto aos sectores de especialización –que concentrarán entre o 80 e o 90 por cento da axuda- establécense sete áreas prioritarias que son agricultura e desenvolvemento rural, pesca e acuicultura, educación, xestión integral e gobernanza de recursos hídricos, habitabilidade básica e abastecemento de auga e saneamento, saúde xeral e programas sobre saúde sexual reprodutiva.