Plan Xuventude 2013

O Plan Xuventude 2013 ten por obxectivos principais crear máis oportunidades para a xuventude na educación e no emprego, potenciar a solidariedade mutua entre a sociedade, no seu conxunto, e na xuventude como parte dela e mellorar o acceso desta última á sociedade adulta, así como a súa plena participación nela.

O 16 de setembro de 2010 elevouse ao Consello da Xunta de Galicia o Plan Xuventude 2013, unha estratexia para a mocidade galega. Este documento foi froito da reactivación da Comisión Interdepartamental de Xuventude que articula e coordina a 137 organismos que directa, ou indirectamente, programan e poñen en marcha actuacións para a mocidade galega.

Xuventude 2013: unha estratexia para a mocidade galega contempla 249 medidas relacionadas coa mocidade galega para os anos 2010-2013 para acadar dúas metas fundamentais: incrementar os investimentos na xuventude -aumentando os recursos para desenvolver os ámbitos das políticas que afectan a mocidade na súa vida diaria e mellorando o seu benestar- e promover as condicións óptimas para a súa capacitación, fomentando o potencial da mocidade para renovar a sociedade e contribuíndo aos valores e obxectivos da UE.

Para acadar os obxectivos xerais do plan definíronse os seguintes obxectivos operativos, en cada un dos 9 eixes de acción trazados no documento:

1. Educación

Dotar os centros educativos dos recursos e materiais necesarios para o bo desenvolvemento das actuacións e actividades relacionadas coa mocidade e o seu desenvolvemento
Apoiar a mobilidade, no eido autonómico, estatal e internacional, da mocidade que cursa ensinanzas universitarias e non universitarias para poder completar a súa formación e experiencia
Facilitar a formación , intercambio de experiencias e actividades de lecer entre a mocidade galega residente no exterior e/ou descendente de galegos/as
Contribuír e incentivar a formación da xente nova universitaria para completar e complementar os seus estudos
Fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres nas diferentes actuacións educativas e nas actividades de lecer
Posibilitar unha oferta educativa, formativa e de lecer en lingua galega para a mocidade
Programar e poñer en marcha diferentes actuacións e actividades relacionadas coa transversalidade na educación, como pode ser a prevención de riscos, sensibilización ambiental, educación para o consumo, prevención do fracaso escolar
Fomentar entre a mocidade a continuidade dos seus estudos a través de cursos de especialización ou formación profesional para facilitar o achegamento ao mundo laboral
Fomentar entre a mocidade galega o coñecemento de idiomas, coa finalidade de que o alumnado adquira unha competencia plurilingüe e destrezas comunicativas interculturais
Promover a modernización da educación formal a través da integración das TIC na práctica educativa

2. Emprego

Fomentar a inserción laboral dos mozos e mozas a través de diferentes programas e incentivos para a súa contratación
Establecer liñas de axuda para a modernización e dinamización dos negocios rexentados pola mocidade
Facilitar a adquisición das competencias necesarias para axilizar a incorporación da mocidade a un emprego estable e de calidade
Mellorar a cualificación profesional a través de servizos de información e formación actualizada e especializada para a mocidade en situación de desemprego
Informar e sensibilizar a mocidade en materia de prevención de riscos laborais no eido do emprego
Fomentar os procesos de I+D+i entre o profesorado e o alumnado da formación profesional

3. Creatividade e espírito empresarial

Fomentar entre a mocidade o cultivo do espírito creativo e innovador
Facilitar espazos e materiais onde se difunda e sexa unha mostra latente do que é ou pode chegar a ser a creatividade como punto de inicio para o desenvolvemento de ideas empresariais
Establecer liñas de axuda para que a mocidade poida facer realidade as súas ideas empresariais

4. Vivenda

Establecer liñas de axuda para a mocidade co fin de facilitar a adquisición dunha vivenda en propiedade

5. Saúde e deporte

Promover o desenvolvemento de programas entre a xuventude para a adquisición de hábitos de vida saudables e prevención de condutas de risco
Desenvolver campañas para fomentar entre a mocidade actitudes preventivas no que á súa saúde se refire
Establecer liñas de apoio para o fomento da práctica deportiva entre a mocidade galega
Facilitar a participación da mocidade en actividades de lecer e físicodeportivas que faciliten o seu desenvolvemento persoal
Fomentar hábitos de vida saudables entre a mocidade con discapacidade a través de actividades de lecer e tempo libre

6. Información e Formación

Achegarlle á mocidade galega as políticas que en materia de xuventude se están a levar a cabo dende os diferentes departamentos da Xunta de Galicia
Establecer mecanismos que faciliten o acceso á información sobre aspectos que lle interesan á mocidade, como pode ser a formación, vivenda, emprego ou outros temas de interese para a xuventude
Facilitar espazos onde a xente nova poida interactuar coas novas tecnoloxías e os elementos multimedia dunha forma responsable
Apoiar a formación e establecer medidas que fomenten a inserción entre a mocidade
Programar accións complementarias para o persoal técnico e persoas que traballan coa mocidade
Fomentar na mocidade a adquisición de hábitos saudables e condutas responsables

7. Participación e Asociacionismo

Apoiar o labor dos organismos e entidades que fomentan a participación e o asociacionismo na mocidade
Fomentar a participación da mocidade a través da posta en marcha de actividades de lecer e tempo libre
Promover a participación da mocidade en actividades e programas onde se incide na diversidade ambiental, etnográfica, cultural e patrimonial de Galicia
Facilitar espazos e os recursos necesarios para que a mocidade poida expresar as súas opinións e inquedanzas, así como desenvolver diversas facetas culturais, artísticas, creativas...

8. Voluntariado

 
Promover accións e programas que fomenten a participación voluntaria da mocidade en actividades solidarias, culturais, sociais...
Establecer un marco común e de referencia en materia de voluntariado
Facilitar un espazo de reflexión para o intercambio de experiencias sobre o voluntariado
Apoiar e promover a programación e posta en marcha de actividades de carácter voluntario
Promover a participación da mocidade en programas de voluntariado no eido europeo

9. Mobilidade

Facilitar o coñecemento teórico-práctico dun idioma estranxeiro, facilitando a mobilidade da mocidade a diferentes países
Dotar a mocidade das ferramentas e instrumentos necesarios para promover e facilitar a mobilidade no ámbito autonómico, estatal ou internacional
Facilitar o achegamento da xente moza ao mundo empresarial e laboral, a través da realización de prácticas e da participación en proxectos con outros países europeos
Promover o intercambio e o coñecemento doutros países e culturas, a través da participación en actividades de lecer, artísticas, formativas, de novas tecnoloxías...
Establecer mecanismos e servizos que permitan o achegamento entre a mocidade de Galicia e Norte de Portugal