Plan Ágora Re-comercia 2010-2013

A nova Lei de Comercio Interior establece un marco normativo equilibrado e moderno no que os comerciantes galegos poderán desenvolver as súas estratexias para levar a cabo unha mellora continuada que garanta o futuro da súa actividade.

Considerando a actual conxuntura económica, o Goberno da Xunta de Galicia coa Consellería de Economía e Industria traballan para que o sector comercial supere a actual situación económica de crise e se reforce de cara ao futuro, a partir da implementación dun plan de dinamización do comercio de venda polo miúdo de Galicia, o Plan Agora Re-comercia 2010-2013.

Partindo da experiencia ofrecida por anteriores plans e programas existentes en materia de comercio, este novo instrumento de traballo, pretende:

Englobar todas as actuacións para desenvolver pola Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, e encamiñalas de xeito unitario na persecución dos obxectivos marcados para a mellora da competitividade do comercio galego.
Fomentar a cooperación e coordinación entre os diferentes axentes, tanto públicos como privados, implicados no sector comercial de venda polo miúdo.
Mellorar o deseño das liñas de actuación abertas e introducir outras novas adaptadas á realidade.

O Plan anticrise susténtase en tres grandes medidas enfocadas en apoiar ao sector comercial: poñer a disposición dos comerciantes produtos financeiros, incluíndo unha liña específica de créditos brandos e flexibles; un programa para mellorar a cualificación profesional dos traballadores do comercio, incidindo en aspectos como técnicas de venda, trato ao cliente, manexo das novas tecnoloxías e coñecemento de linguas estranxeiras para mellorar a atención e, polo tanto, incrementar as vendas aos turistas; e unha liña de axudas para a reforma dos establecementos e estender o uso de novas tecnoloxías para incrementar a competitividade dos pequenos e medianos establecementos. 

Obxectivos de cada programa 

Os obxectivos principais dos 5 programas que contén o Plan Ágora Re-comercia 2010-2013 para o comercio de proximidade son:

PI: Creación do Observatorio de Comercio de Galicia e da Rede de Innovación do Comercio (REDIC)
Obxectivo: estruturar, coordinar e dinamizar a actividade comercial na Comunidade Autónoma de Galicia a través de:

Crear a estrutura do Observatorio de Comercio de Galicia como órgano asesor, consultivo, de estudo e formación en materia de comercio; adscrito á Dirección Xeral competente en materia de comercio, cuxa organización e funcionamento se establecerá regulamentariamente.
Crear o Consello Galego de Comercio e a Comisión Consultiva como órganos consultivos en materia de ordenación comercial e integrada no Observatorio de Comercio de Galicia.
Crear a Rede de Innovación do Comercio (REDIC), adscrita á Subdirección Xeral de Comercio, como instrumento de asesoramento e coordinación dos diferentes axentes do sector e dos dinamizadores comerciais.
Fomentar o asesoramento técnico no sector do comercio para promover a dinamización e innovación.
Impulsar o acceso á información mediante un portal informativo do sector comercial de venda polo miúdo dirixido a todos os axentes a través da REDIC.
Proporcionar aos axentes información precisa e de calidade sobre a situación do sector da distribución comercial, favorecendo con iso a toma de decisións empresariais.

PII: Mellora da competitividade do comercio
Obxectivo: incrementar a competitividade do comercio de proximidade a partir de:

Modernizar e adecuar o comercio de venda polo miúdo co fin de que mellore a súa atracción comercial.
Adaptar o establecemento ás necesidades do consumidor actual e que o consumidor alcance o servizo desexado.
Incorporar as tecnoloxías da información e comunicación (TIC) no sector comercial, para a mellora da xestión comercial, tanto interna como na cadea de subministración.
Promover o alcance dun recoñecemento profesionalizado mediante o fomento da formación e a creación dunha formación regrada.
Fomentar a profesionalización do sector a partir de coordinar e impulsar as políticas de formación.
Mellorar a rendibilidade empresarial a través da promoción e creación de centrais de compra, así como mediante servizos sectoriais. que permitan alcanzar conxuntamente economías de escala e incrementar a dimensión das empresas.
Fomentar o comercio de calidade e a mellora da xestión da marca Galicia Calidade e Comercio Galicia Calidade.

P III: Dinamización do comercio galego
Obxectivo: recuperar a atracción dos centros comerciais abertos a partir de:

Rehabilitar os centros comerciais abertos e adaptar a contorna dos mesmos para crear espazos confortables e pracenteiros para realizar compras.
Crear polos de atracción comercial nas cidades e vilas.
Modernizar os mercados municipais.
Mellorar a xestión comercial dos centros comerciais abertos e dos mercados municipais mediante a figura da asociación comercial profesionalizada.
Adecuar o mix comercial das polaridades comerciais ás necesidades de compra, actuais e potenciais, baseándose na tipoloxía dos turistas, os visitantes e os residentes (por exemplo, atendendo á poboación de terceira idade, á inmigración etc.).
Implicar as administracións locais nas políticas de fomento, dinamización e mellora do comercio e da contorna urbana.

P IV: Mellora do aprovisionamento das zonas rurais
Obxectivo: mellorar a accesibilidade da oferta ao consumidor residente en zonas rurais, a partir de:

Mellorar a competitividade do comercio rural a partir da modernización dos establecementos comerciais e a adaptación do comercio rural ás necesidades do consumidor.
Fomentar medios e novas fórmulas comerciais para a mellora do aprovisionamento en zonas rurais.
Apoiar a cooperación empresarial para fomentar estruturas con sistemas loxísticos compartidos que coordinen a distribución do produto en zonas tipificadas como rurais.
Promover o comercio ambulante como distribuidor en zonas rurais.

P V: Adecuación da estrutura comercial ás características territoriais, sociais, culturais e económicas de Galicia
Obxectivo: estimular o comercio local a partir de:

Dinamizar o gasto comercial do turista e visitante.
Crear sinerxías con outros sectores de actividade comercial e xerar oportunidades de negocio.
Mellorar o grao de atracción de clientes potenciais a partir daqueles eventos locais existentes onde se desenvolva un acontecemento puntual, unha actividade económica singular ou ben onde haxa oferta comercial concentrada.
Fomentar a cooperación empresarial entre colectivos para equilibrar territorialmente as accións comerciais en todo o territorio galego.