Plan de prioridades sanitarias 2011-2014

No contexto das metas de política sanitaria do Goberno galego nace este plan, co obxecto de mellorar a saúde da poboación, prestar os servizos sanitarios que precisan as persoas, fomentar o exercicio dos dereitos recoñecidos na normativa e actuar de forma eficiente para asegurar a sostibilidade do sistema sanitario e dos servizos públicos.

Os sistemas sanitarios públicos teñen como principal finalidade promover, restablecer e manter a saúde. Igualmente, deben dar resposta ás expectativas das persoas e á equidade. Ademais, deben velar polo cumprimento dos dereitos sanitarios recoñecidos legalmente e pola calidade dos servizos que presta.

Calquera circunstancia ou feito que impida acadar estes obxectivos debe ser considerado como un obstáculo para o sistema sanitario, que deberá ser identificado e corrixido de forma prioritaria. Non obstante, o número de problemas sanitarios que inciden sobre os obxectivos do sistema poden ser centos, igual que as accións necesarias para a súa solución. Por iso, faise imprescindible establecer unha listaxe priorizada dos problemas máis importantes utilizando diversos criterios para, posteriormente, identificar aquelas accións que se converterían en prioritarias ao teren impacto sobre os problemas máis importantes.

O Plan de Prioridades sanitarias 2011-2014 da Xunta de Galicia xorde para identificar os problemas sanitarios máis relevantes, priorizalos conxugando a vulnerabilidade da súa abordaxe co impacto na saúde da poboación e determinar as accións de mellora que, de xeito máis atinado, poidan minorizalos no horizonte temporal da súa vixencia ata o ano 2014. Un importante aspecto da planificación estratéxica que deu lugar a este plan é a decisión sobre en que se deben centrar os novos investimentos dentro dun sistema sanitario. Este aspecto, fundamental en calquera planificación, vólvese imprescindible na actual conxuntura económica, na que a eficiencia se debe converter no criterio básico na asignación de recursos.

O documento do Plan ten como principal obxectivo a identificación daquelas novas accións e actuacións que, polo seu impacto nos problemas sanitarios, deben ser priorizadas e cómpre ter en conta na decisión sobre os novos investimentos. Trátase de ter unha ferramenta que axude en todos os niveis da organización nos que se deban propor e tomar as decisións sobre os plans de necesidades de novos investimentos durante a elaboración do orzamento. Desta forma, cando calquera nivel de decisión do sistema teña que elixir entre varias opcións para realizar novos proxectos ou accións, poderá identificar aquelas contidas neste documento e darlles prioridade sobre o resto das outras actuacións propostas.

Accións de mellora

Para acadar o obxectivo de identificar as accións que máis impacto tiveran, estudouse unha metodoloxía que valorase non só os problemas de saúde da cidadanía de Galicia, as enfermidades máis frecuentes e graves, senón tamén aquelas outras cuestións que inciden sobre os dereitos sanitarios da cidadanía e os que teñen impacto na calidade dos servizos sanitarios que presta o sistema. Así, identificáronse as seguintes accións de mellora sobre as prioridades da área de saúde:

Cardiopatía isquémica
Cancro de pulmón
Ictus/Enfermidade cerebrovascular
Diabetes mellitus
Depresión/Trastornos afectivos
Enfermidade pulmonar obstrutiva crónica
Cancro de colon
Cancro de mama feminino

As accións de mellora sobre os principais determinantes asociados ás enfermidades prioritarias:

Tabaquismo
Nutrición
Actividade física

E as accións de mellora sobre a área relacionada cos dereitos sanitarios dos usuarios e coa calidade de procesos asistenciais Tempos de espera e taxas de cirurxía maior ambulatoria (CMA)

Estadía media
Taxa de cesáreas
Sistema de información de profesionais sanitarios
Extensión do aseguramento público a todos os residentes en Galicia
Información aos usuarios e poboación sobre dereitos e deberes sanitarios e sobre prestacións e servizos sanitarios