Plan Galego das Persoas Maiores 2010-2013 - Horizonte 2015

Galicia, ao igual que a maioría dos territorios do noso contorno, atópase ante o desafío do envellecemento poboacional. Un reto que a Consellería de Traballo e Benestar considera, á súa vez, como unha oportunidade que a sociedade galega debe aproveitar para demostrar que é realmente integradora para todas as persoas, con independencia da súa idade.

Conseguir que a sociedade galega sexa efectivamente unha sociedade inclusiva e participativa na que todas as persoas teñan cabida; unha sociedade responsable do benestar dos seus membros; unha sociedade quen de recoñecer e valorar, no seu proceso de crecemento e avance, o inestimable papel de todos os colectivos que a forman; unha sociedade atenta, consciente e sensible fronte aos constantes cambios que a caracterizan e, sobre todo, activa, capaz de artellar mecanismos, ferramentas e respostas axeitadas ante os desafíos e necesidades que día a día se lle presentan.

Co obxectivo de afrontar este reto, o Goberno galego desenvolveu o Plan Galego das Persoas Maiores 2010 - 2013, Horizonte 2015, instrumento que servirá en Galicia para converter as políticas e actuacións destinadas a promover a calidade de vida deste colectivo social nun dos grandes eixes neurálxicos da acción de goberno, facéndoo desde unha perspectiva actual, transversal, integral, activa e preventiva.

Este plan permitirá a Galicia situarse na vangarda e ser a referencia da atención do benestar das persoas maiores, mediante a implementación das medidas que nel se recollen.

O Plan Galego das Persoas Maiores 2010-2013, Horizonte 2015, deseñouse para todos os galegos e as galegas tendo en consideración tres premisas básicas e fundamentais: a diversidade, a transversalidade/integración e a participación. Estrutúrase en torno a catro núcleos de acción en relación aos cales define obxectivos operativos e medidas concretas para atender esta diversidade de situacións e necesidades:

Promoción de valores e protección de dereitos

Difundir a vellez como unha etapa da vida na que se poden facer importantes achegas á sociedade
Difundir os dereitos das persoas maiores; mellorar os mecanismos existentes para a protección dos dereitos das persoas maiores e a prevención das situacións de risco e reducir as desigualdades entre homes e mulleres promovendo os principios da igualdade de xénero entre as persoas maiores
Mellorar os mecanismos existentes para a protección dos dereitos das persoas maiores e a prevención de situacións de risco
Reducir as desigualdades entre homes e mulleres e promover os principios da igualdade de xénero entre as persoas maiores

Envellecemento activo e participación social

Promover a autonomía das persoas maiores e favorecer un envellecemento san e saudable
Contribuír á participación proactiva das persoas maiores na sociedade civil dándolles a oportunidade de expresar as súas opinións nos procesos de toma de decisións
Potenciar a participación de e para as persoas maiores en programas de voluntariado implicándoos nun proceso de solidariedade interpersoal
Promover o acceso e a participación das persoas maiores en actividades culturais, de ocio e tempo libre
Potenciar e valorizar a contribución das persoas maiores ao ámbito socioeconómico e profesional das traballadoras e traballadores de Galicia.

Prestación de servizos con eficacia e calidade

Ampliar o catálogo de programas, servizos, recursos e prestacións dispoñibles para mellorar a calidade de vida das persoas maiores que residen no seu fogar
Potenciar o desenvolvemento de recursos destinados á permanencia das persoas maiores no seu contorno habitual, particularmente daquelas que presentan algún tipo de limitación no seu grao de autonomía persoal
Avanzar na creación de recursos de atención residencial destinados, prioritariamente, a aquelas persoas que por razón do seu grao de dependencia xa non poidan seguir vivindo no seu contorno
Promover a mellora dos coñecementos e a formación das persoas que realizan tarefas de atención ás persoas maiores
Asegurar que o desenvolvemento do catálogo de programas, servizos e recursos destinados ás persoas maiores se realice atendendo a principios de calidade
Promover a xeración de novos recursos, programas e servizos destinados á atención ás persoas maiores mediante a posta en marcha de actuacións altamente intensivas en materia de I+D+i.

Cooperación transversal

Establecer instrumentos e/ou estratexias de mellora da cooperación interdepartamental para o logro dos obxectivos que esixen unha actuación conxunta
Favorecer o desenvolvemento de sinerxías de cara ao ámbito local para unha mellor ordenación/xestión de recursos e un maior impacto das políticas autonómicas
Promover instrumentos e/ou estratexias de cooperación supraautonómicas para a achega das medidas previstas no Plan aos galegos residentes no exterior
Fomentar mecanismos ou instrumentos para a difusión integral do Plan.